A Xunta aproba o Plan de construción dos edificios da UVigo na ETEA

Publicidad

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este venres a posta en marcha dun Plan de Infraestruturas Universitarias co obxectivo de seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do sistema universitario galego. Fíxoo durante a sinatura do protocolo de colaboración entre o Goberno autonómico e as tres universidades públicas galegas que posibilitará estas melloras e que vai mobilizar máis de 100 millóns de euros ata 2026.

Rueda estivo acompañado neste acto polos tres reitores galegos, Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo; Julio Abalde, da Coruña; e Antonio López, de Santiago de Compostela; así como polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Na súa intervención o presidente da Xunta salientou que este proxecto conxunto reforza a colaboración entre a Xunta e a educación superior, ao tempo que garante o estado óptimo dos edificios, aulas ou laboratorios dos campus. “É o noso deber como Administración garantir que a universidade pública conte coas mellores infraestruturas e que estas actúen como verdadeiros motores de aprendizaxe, investigación e desenvolvemento persoal”, destacou.

A este respecto, o Goberno autonómico destinará 40 millóns de euros, 10 millóns cada ano, á mellora de espazos nos sete campus que existen na comunidade, sendo as propias universidades as que seleccionaron estas infraestruturas. En declaracións aos medios de comunicación tras o acto, o presidente da Xunta detallou que dos 100 millóns de euros do plan, 60 millóns "son achegados polas propias universidades con cargo ao financiamento ordinario" que reciben por parte do Goberno galego ao amparo do Plan de Financiamento Plurianual 2021-2026. O plan presentado este venres, pola súa banda, contempla fondos a maiores, é dicir, que a Xunta habilita outros 40 millóns, cos que se acadan os 100 en total. Trátase, como recalcou o presidente, dun financiamento “extraordinario, a maiores" que "non teñen outras comunidades autónomas" e neste sentido destacou que as tres universidades públicas galegas foron capaces "de poñerse de acordo en distribuirse esa cantidade".

Tres actuacións primordiais na UVigo

Na Universidade de Vigo serán obxecto de actuación o edificio para Enxeñaría Aeroespacial, no campus de Ourense; a rehabilitación dun dos edificios da ETEA, e a remodelación do Hospital provincial no campus de Pontevedra, actuación que consistiría na realización do estudo funcional de necesidades da Universidade para adaptarse a este edificio.

En Vigo, as actuacións estarán encamiñadas a que o Centro de Investigación Mariña, CIM, e a Facultade de Ciencias do Mar se trasladen aos terreos da ETEA, onde se localizará tamén o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

No caso de Ourense, a UVigo ten xa convocado o concurso de ideas para o deseño do novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica do Espazo, que actualmente está repartida en diferentes edificios do campus. Este inmoble permitirá posteriormente acometer unha "reformulación" a nivel urbanístico para que as dúas zonas do campus, que están agora separadas, poidan "ter un acceso máis directo", en palabras do reitor, Manuel Reigosa.

Finalmente, no caso de Pontevedra, o reitor explicou que o novo Grao en Deseño arrancará o vindeiro curso no edificio de Benito Corbal, pero sinalou que, se ben esta localización permitirá que se inicie a impartir a titulación, non será así coa súa finalización. A isto engadiu o feito de que o de Pontevedra é o único campus que non conta cunha residencia universitaria, para o que se recorrerá a unha remodelación de espazos no actual Hospital Provincial.

Salir de la versión móvil