A Xunta destinará tres millóns de euros á retirada do lindano do Contrasto, no Porriño

Publicidad

A Xunta de Galicia investirá 3 millóns de euros nos traballos de retirada e descontaminación dos residuos de lindano no viario principal do lugar do Contrasto, no Porriño, unha obra que comezará este ano. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao novo alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, con quen mantivo esta semana unha reunión para abordar este e outros asuntos de interese para o municipio.

A conselleira explicou que con cargo aos orzamentos da Xunta deste ano xa se está actualizando o proxecto redactado en 2017 para intervir na pista municipal do Contrasto polo que estima que, tan pronto como se complete este paso, poderá iniciarse a tramitación do contrato para executar as correspondentes obras.

Esta actuación sumarase ás outras xestións e iniciativas impulsadas polo Goberno autonómico para intervir ante a presenza deste material contaminante no Porriño. O Goberno galego lembra que consignou nos últimos anos máis de 6,5 millóns de euros de fondos propios á posta en marcha de diversas actuacións para identificar e atallar a situación neste municipio, como o estudo da cela de seguridade ou o plan de investigación integral das zonas afectadas en todo o termo municipal porriñés.

A responsable autonómica e mais o rexedor coincidiron na necesidade de que o Goberno do Estado amose agora con Galicia un compromiso "igual ao que xa demostrou coa Comunidade de Aragón para atallar este problema". Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que o pasado 2 de novembro o Consello de Ministros aprobou a concesión dunha axuda directa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dun millón de euros para os traballos de control e vixilancia da contaminación de solos pola produción de lindano en Sabiñánigo (Huesca).

Salir de la versión móvil