Realizada polo ictiólogo Rafael Bañón e editada polo investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo Jesús Souza, o edificio Redeiras acollía este xoves a presentación da Guía de los peces óseos marinos de la península ibérica y Baleares, que reúne información dun total de 317 especies. Xunto ás súas descricións e datos sobre os seus hábitats, bioloxía e distribución, esta publicación presenta fotografías a cor de cada especie, sendo a primeira publicación destas características que emprega imaxes reais como principal recurso para facilitar a súa identificación.
Xunto a Bañón e Souza, a presentación deste volume contou coa participación de Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Daniel Rey, exdirector do CIM; Francisco Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (Arvi); Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG); e José Luis Vázquez, presidente do Instituto de Cultura, Ciencia e Tecnoloxía.
A publicación reúne información de 317 peixes óseos, desde especies costeiras e intermareais ata organismos que habitan a máis de mil metros de profundidade, acompañando cada unha das entradas dunha serie de fotografías que permiten observar “a súa forma, coloración e trazos morfolóxicos” e que constitúen a “principal singularidade” desta guía, segundo sinalaron os seus responsables.
“Estes animais son difíciles de ver en lonxas”, apuntou Souza Troncoso, quen destacou que o “valor engadido” deste volume é que recolle información e imaxes de “especies de profundidade, que moi poucos seres humanos puidemos contemplar”. De aí que o catedrático da UVigo sinalase que se trata dunha “obra moi importante para a docencia teórica e práctica”, xa que a identificación precisa dos peixes resulta fundamental para documentar a biodiversidade, detectar cambios na distribución das especies e mellorar o coñecemento dos ecosistemas mariños.
“Foron máis de dez anos dedicados a este proxecto”, engadiu Bañón, respecto dunha publicación concibida como unha obra de consulta para persoal investigador e técnico, estudantado, laboratorios docentes e profesionais que participan en campañas oceanográficas pesqueiras. Completada cunha introdución que presenta conceptos anatómicos, taxonómicos e biolóxicos que axudan a interpretar as fichas de cada especie, esta publicación busca tamén responder tanto ás necesidades dos buques oceanográficos, como das confrarías, lonxas e outros axentes do sector.
“É unha obra moi importante que, coas súas fotografías e posicionamento, ábrenos posibilidades para que o mundo económico poida empregala de forma eficaz”, engadiu Vieites, mentres que Touza subliñou que “o sector precisa ser sostible e para iso precisamos dispoñer da mellor ciencia”, dada a “falta de coñecemento” de determinadas especies mariñas. Nesa mesma liña, Botana destacou que se trata dun traballo “moi necesario, non só para a preservación da biodiversidade das nosas augas, senón tamén para cuestións vinculadas coa seguridade alimentaria”.
Esta publicación é froito do coñecemento acumulado por Bañón, especialista en taxonomía e no estudo de especies pouco frecuentes, ao longo dunha extensa traxectoria dedicada ao estudo e identificación dos peixes mariños. A súa edición foi impulsada por Souza Troncoso e a edición desta guía, “que será unha obra de referencia para as próximas décadas”, segundo destacou Daniel Rey, contou co apoio do CIM e do Consello Social da Universidade de Vigo. O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27
Trátase da primeira publicación que incorpora fotografías das diferentes especies
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL