Un novo tempo cun mesmo alcalde. Vigo deu este sábado 15 de xuño os primeiros pasos dunha lexislatura na que Abel Caballero continuará ostentando o bastón de mando tras o contundente resultado do pasado 26 de maio. O Auditorio Municipal quedábase pequeno para acoller o pleno da constitución da Corporación, unha sesión coa presenza de medio centenar de medios de comunicación e que contou coa presenza entre o público dun referente da cultura galega como Xose Luís Méndez Ferrín, pai da concelleira Oriana Méndez (Marea de Vigo) ou da televisiva Silvia Fominaya.
O ambiente en Praza de Rei comezaba cedo. Os bombeiros de Vigo aproveitaban o pleno de investidura de Abel Caballero como alcalde para denunciar a súa situación laboral e esixir a incorporación de novos traballadores. Non foi a única. O secretario do pleno comezaba a sesión en castelán. O público protestaba. “En galego, en galego!”, exclamaba unha parte da banca. Tras dous minutos de protestas, o acto comezaba ás 11:11 horas, once minutos despois do previsto.
A nova Corporación viguesa quedou constituída 25 minutos nun acto no que se confirmaron as renuncias da gran parte da lista do PP que encabezou Elena Muñoz e cuxo grupo municipal estará composto por Teresa Egerique, Jesús Marco, Patricia López Román e Alfonso Marnotes como voceiro. En menos de trinta minutos, a cidade máis importante de Galicia xa conta con novos representantes. Chegaba o momento de que cada un dos concelleiros xurasen o seu cargo, un momento no que unha das incorporacións desta nova lexislatura, Xabier Pérez Igrexas, estreouse como edil levando na man “Sempre en Galiza”, de Daniel Castelao.
Coa Corporación constituída, cada un dos grupos municipais postulaban o seu candidato á Alcaldía. Catro homes, un final coñecido. Pero era o momento de arrincar xa coa política na estreada lexislatura. Xabier Pérez Igrexas, Rubén Pérez Correa, Alfonso Marnotes e Abel Caballero comezaban esta nova etapa, os primeiros pasos dos catro anos que quedan por diante.
A intervención de Abel Caballero foi a máis intensa a nivel emocional. O rexedor vigués fixo balance dos resultados do 26M. Apelou á estatística para comparar o progreso que experimentou o PSOE dende 2007 -ano no que chegou á Alcaldía- con respecto aos outros grupos da actual Corporación viguesa. Cando falou do número de apoios do BNG con respecto a 2007 unha persoa do público berrou “por tu culpa, capullo”. Un afín ao alcalde levantouse para chamar “mamón” á parte da bancada da que se proferiu o insulto ao alcalde da urbe galega.
O discurso do alcalde seguiu con normalidade. Caballero amosou o que fixo durante os seus 12 anos ostentando o bastón de mando, unha enumeración na que destacaron as humanizacións, as políticas sociais, a construción dos parques infantís ou as becas de inglés. O alcalde de Vigo tampouco se esqueceu no seu discurso das dificultades da Xunta e dos agravios do goberno de Feijóo. Unha enumeración interrompida polos aplausos dunha parte do público, unha intervención que foi máis aló dos 20 minutos, sendo o candidato que máis tempo empregou no seu “speech”. “Esto é un proxecto de Vigo. Quero agradecer o apoio continuo para que sexamos en España un exemplo, un modelo a seguir”. Caballero rematou o seu discurso agradecendo o traballo e a labor do seu equipo de goberno. “Seguiremos o que saber facer, consenso social e consenso con toda a cidade”.
Ás 12:45 horas establecíase o voto para elixir alcalde de Vigo. Non houbo sorpresas. Abel Caballero proclamouse alcalde de Vigo por “maioría absolutísima” ao obter 20 votos mentres que Alfonso Marnotes obtivo os catro votos do grupo popular, Rubén Pérez Correa os dous de Marea de Vigo e Xabier Pérez Igrexas o voto do BNG. O rexedor prometeu o seu cargo como alcalde ante o aplauso e o “Bravo alcalde” dunha parte do público, unha ovación que continuou no momento no que recolleu o bastón de mando. No seu discuso xa como alcalde, Caballero deixou unha mensaxe clara. "Vigo será imparable como non o foi nunca".
A oposición amosa as súas intencións
A oposición amosa as súas cartas. Xabier Pérez Igrexas destacou a labor do BNG cando ocupou cargos de goberno en Vigo, destacando as humanizacións en Praza da Independencia e O Calvario. Pero tamén falou do futuro máis inmediato. “Queremos o fin da confrontación pola confrontación. No BNG non mazaremos contra Caballero nin contra ninguén, vimos a mazar contra os problemas da cidade con alternativas e propostas concretas”, sinalou o concelleiro nacionalista.
Rubén Pérez Correa, que repite como voceiro de Marea de Vigo, mostro a súa boa sintonía co BNG e criticou a labor do PSOE nestes catro últimos anos e asegurou que esta será “a lexislatura que retrata” ao rematar nestes anos as “grandes concesións” do transporte urbano e Aqualia.
O aspirante do PP, Alfonso Marnotes, aopostou por facer unha oposicións constructiva e por mellorar unha cidade que sexa intelixente, que teña un PXOM e que mellore a súa rede de museos municipais.