Estudo de contidos relacionados coa mecánica, o electromagnetismo, os fluídos e as ondas. Amosar de xeito interactivo a aplicación da intelixencia artificial no mundo da enxeñaría. Analizar as vantaxes da produción de biodiesel en comparación co combustible fósil convencional. Construír un muro de terra armada utilizando como único material resistente papel. Comprender o proceso de combustión a través de experiencias prácticas visuais ou detectar defectos internos a través da termografía infravermella. Estes son só algúns exemplos das actividades que poderán realizar as persoas que visiten a renovada Aula aberta á TecnoCiencia, que hoxe se inaugurou na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EME) e que se converte no primeiro espazo dedicado especificamente á divulgación científico técnica dentro da Universidade de Vigo.
Estudantado de ESO, Bacharelato e FP, alumnado do Programa de Maiores e público en xeral son os destinatarios da Aula, que se localiza no segundo andar da EME, e que contará para a realización das súas actividades co apoio económico do Consello Social da UVigo. Aínda que as actividades de divulgación da Escola estábanse a desenvolver deste hai anos neste espazo, non foi ata o ano 2019 que se iniciou un proceso, coa colaboración da Área de Imaxe da UVigo, para reconverter unha simple aula nun espazo dotado e decorado con elementos visuais que aluden ás actividades que nela se desenvolven. A Aula conta co equipamento preciso para a realización de actividades manipulativas e cun equipo de 13 investigadoras e investigadores da EME, que axudarán ás persoas que a visiten a comprender os principios de determinados procesos de tipo científico e tecnolóxico, que están relacionados cos ámbitos de traballo das titulacións que se imparten no centro.
Na inauguración do espazo, que tivo lugar hoxe, coincidindo coa celebración da festividade da patroa do centro, Santa Bárbara, a directora da Escola, Elena Alonso, puxo en valor o traballo que están a realizar en materia de divulgación e que só o ano pasado chegou a 4250 persoas, a través de actividades desenvolvidas polo persoal docente e investigador da EME. Conferencias e actividades, concursos, elaboración de materiais ou de exposicións, son algunhas das actividades de divulgación que mencionou Elena Alonso, que destacou que este labor é posible “pola implicación dun grupo de 15 persoas do centro, coordinadas por Iago Pozo, xenerosas co seu tempo, que din a todo que ‘si’ e esta aula é a culminación natural deste traballo”. Precisamente, o investigador Iago Pozo, rememorou o proceso de creación e remodelación da Aula, que agora fai posible que cando os estudantes a visitan “entran aquí e pensen imos a aprender cousas súper chulas”. Pola súa banda, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, amosou a súa satisfacción por colaborar coa Aula aberta á TecnoCiencia, ao tempo que incidiu na importancia "do saber como a competencia que máis cotiza”. Pedrosa destacou o valor dunha iniciativa dirixida ao alumnado e á cidadanía e felicitou ás e aos seus promotores porque “para aprender a mellor maneira é facéndoo”, dixo. Mentres, o reitor, Manuel Reigosa, referíuse ao esforzo da EME por promover con esta acción “unha sociedade máis igualitaria a través da divulgación científica”, ao tempo que “coloca á UVigo na primeira liña do coñecemento e da xeración dunha sociedade máis xusta e igualitaria”, afirmou.
Un total de oito módulos integran a Aula: o de Física (Física Recreativa), para a experimentación directa con materiais e obxectos cotiáns de baixo custe co obxectivo de estudar contidos relacionados coa mecánica, electromagnetismo, fluídos, ondas ou óptica; o módulo de Intelixencia Artificial (Érase unha vez un mundo de datos), no que se pon en valor a utilidade e potencial das tecnoloxías de IA, amosando a súa aplicación no mundo da enxeñaría; o módulo de Enxeñaría química (Desde as fontes termais galegas ata o motor do coche) no que se analizan as vantaxes da produción de biodiésel en comparación co combustible fósil convencional e formúlanse as fontes termais galegas como un recurso onde atopar organismos con capacidade de produción de biocatalizadores que actúen eficazmente na reacción de sínteses de biodiésel; o módulo de Enxeñaría do terreo (The wall), onde se constrúe un muro de terra armada utilizando como único material resistente o papel e trabállanse conceptos como o deseño de muros de contención ou o armado de terras; o módulo de Combustión (May the fire be with you), centrado na comprensión do proceso de combustión, desde a súa reacción, ata a súa aplicación en sistemas reais, como motores ou plantas de xeración de enerxía; módulo de Xeotecnoloxías (Topografía con realidade aumentada) dedicado á presentación da realidade aumentada e a súa diferenciación coa realidade virtual; o módulo de Termografía infravermella (Visión infravermella, unha nova forma de contemplar o mundo) no que se presenta esta técnica coa que se mide a distribución de temperaturas superficiais nos obxectos , de xeito que se poden detectar anomalías externas ou internas a partir da súa fenda térmica; e o modulo de Materiais (A febre dos materiais) no que se presentan exemplos dos diversos tipos de materiais: cerámicos, metálicos, polímeros ou materiais compostos, destacando as súas propiedades e curiosidades en canto ao seu uso.
A inauguración da remodelada Aula aberta á TecnoCiencia coincidiu coa celebración da patroa do centro, Santa Bárbara, nunha xornada na que tamén se entregaron o premios dos concursos Contos-EME, Enfoca.RME, Coimne (Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste aos mellores expedientes de acceso ao Máster en Enxeñaría de Minas desde os graos da EME e Coitmga (Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia) aos mellores expedientes de acceso ao Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos. Así mesmo, presentouse o primeiro número da revista Materia Prima, unha publicación concibida para visibilizar a actividade profesional e laboral das egresadas e egresados da Escola.
As celebracións da patroa continuarán o día 2 de decembro coa disputa da tradicional Carreira popular Santa Bárbara e os partidos de docentes contra o alumnado. Os encontros comezarán ás 10:00 horas e a carreira ás 12.00 horas. Realizarase, como é tradicional sobre un percorrido de 5 km, arredor das pistas de atletismo do campus de Vigo e para participar cómpre achegar un kilo de alimentos non perecedoiros, que se doarán a causas benéficas.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL