“A veces a noite é longa, longa e escura e trae, traizoeira, un mencer frío de flores murchas e soños rotos”, pero sempre hai futuro. A Asociación Cancro de Mama “Pilar Domingo”, de Ponteareas, presenta este venres en Salceda o seu calendario solidario. Nel, doce mulleres que padeceron a enfermidade, acompañánnos mes a mes na loita de dor, pero tamén de afouteza.
As modelos improvisadas, todas elas residentes en Ponteareas, e que hoxe viven as súas vidas con total normalidade, posaron para a cámara de José Manuel Peixoto, dando forma a este extraordinario traballo no que, os textos de Isabel Blanco-Rivas, expresan sentimentos, esperanzas e ilusións. O almanaque dedica ademais o mes de outubro a Pilar Domingo, da que se cumprirán dous anos en febreiro do seu pasamento.
A presentación en Salceda será na Casa da Cultura, mañá venres 29 de decembro, ás 19:30 horas. Un acto no que se contará coa presenza do fotógrafo José Peixoto, autor das fotos que ilustran o calendario, e da escritora Isabel Blanco-Rivas autora dos textos.
As e os interesados en conseguir un calendario, poden adquirilo no Concello de Salceda de Caselas, aínda que tamén poden facelo enviando un correo electrónico a ascam.pilardomingo@gmail.com. A asociación contestará enviando o número de conta onde debe ser ingresado o importe do calendario e, posteriormente, a interesada ou interesado recibirá o calendario na súa casa a portes debidos.