Alumnado de Historia da UVigo participa nas escavacións do castro do Alto de Acea

Publicidad

Ourense están a participar desde o pasado 23 de agosto nunha intervención arqueolóxica no castro do Alto de Acea, tamén coñecido como Outeiro do Castro, no concello ourensán de Baños de Molgas. O seu traballo céntrase na descuberta e estudo do seu sistema defensivo, a zona da muralla.

Co gallo de coñecer os avances realizados nas escavacións, este martes visitaron o xacemento Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, e Adolfo Fernández, vicedecano do mesmo e centro e membro do Grupo de Investigación en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT); e Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas, e David Pérez, director da intervención arqueolóxica desde este concello ourensán.

Tal e como se lembrou na visita, a participación do alumnado de Historia é froito dun convenio marco e outro específico de colaboración no eido arqueolóxico asinados o pasado mes marzo entre a Universidade de Vigo e o Concello de Baños de Molgas. A colaboración contempla aspectos como a participación do Grupo de Investigación en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo no desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica (prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación) no castro do Alto de Acea e a participación nas escavacións en réxime de prácticas oficiais de alumnado da UVigo.

Estudo da zona defensiva

O castro do Alto de Acea e a súa contorna, na parroquia de Santo Estevo de Ambía, constitúe un xacemento castrexo de forma elíptica (de 190x150 metros), emprazado nunha cima cunha altitude de 561 metros e sobre o río Arnoia, que marca a división entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Desde o ano 2017, no enclave véñense desenvolvendo anualmente por parte do órgano municipal intervencións arqueolóxicas baixo a dirección do arqueólogo e egresado da UVigo David Pérez. Coa sinatura do convenio posto en marcha entre a institución académica e o concello ourensán preténdese dar continuidade e pulo a estas tarefas.

Segundo explicaron os responsables da intervención, as escavacións que se están desenvolvendo estas semanas no xacemento están coordinadas entre o Concello de Baños de Molgas e a Facultade de Historia. “Coa nosa dirección e a participación de cinco alumnos de prácticas estamos a estudar o sistema defensivo da croa de Outeiro do Castro, onde se documentan os hórrea, estruturas de almacenaxe galaicas de uso comunal, para gardar o excedente agrario”, explica David Pérez. Ata o de agora, sinala, “nesta campaña documentamos a muralla, coa cara exterior erguida sobre grandes lousas en disposición vertical, contendo o macizado de pedra do interior da mesma. Na cara interior, o paramento está máis traballado, coa cara apicoada e disposición lineal”. Toda a muralla, explica o arqueólogo, “asenta sobre a rocha nai como base de cimentación”. A estas características, o director da intervención engade que “o material non é moi produtivo, mais destacan algúns fragmentos con decoracións galaicas de círculos concéntricos, estampillados e incisións”.

Salir de la versión móvil