As consecuencias da intelixencia artificial no eido laboral, a debate nun congreso da UVigo

Publicidad

O avance de intelixencia artificial, o seu potencial de crecemento e o previsible impacto que vai ter en diferentes eidos da sociedade está a xerar un crecente debate público sobre a necesidade de regular, controlar e mesmo frear o seu desenvolvemento. Entre os eidos nos que se prevén efectos substanciais están a contorna laboral e tamén a propiedade industrial e intelectual. Para debater e analizar as posibles consecuencias deste “imparable avance”, Vigo acollerá os días 6 e 7 de xullo o Congreso Internacional O impacto da intelixencia artificial no Dereito do Traballo e da Propiedade Intelectual e Industrial, organizado polo grupo de investigación DMT da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

O simposio celebrarase na tarde do día 6 no edificio de sesións da Autoridade Portuaria de Vigo centrándose as intervencións no eido da propiedade intelectual e industrial e na mañá do 7 no edificio Redeiras, sede institucional da Universidade de Vigo na cidade, para abordar o impacto no eido das relacións laborais.

A profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, do Departamento de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e directora do simposio xunto co docente Pablo Fernández Carballo-Calero, explica que o evento encádrase no marco do proxecto Retos para un mercado de traballo equitativo, sostible e aberto á competencia no contexto da nova economía e da dixitalización, que desenvolve o grupo DMT, formado por persoal investigador da Área de Dereito do Traballo e a Área de Dereito Mercantil.

Este grupo, recoñecido como Grupo de Potencial Crecemento pola Xunta de Galicia, “ten por obxecto o análise do marco xurídico das actividades económicas nas que as relacións e interaccións entre a normativa laboral e mercantil é máis intensa e, en ocasións, conflitiva”. Como explica Rodríguez Martín-Retortillo, entre as múltiples liñas de traballo que están a desenvolver está o impacto da dixitalización nas relacións de traballo, e ao abeiro dela xurde a idea de organizar este congreso.

O congreso, presencial e de balde, está pensado para o estudantado universitario, o persoal investigador e tamén para as e os profesionais do sector e mesmo o público en xeral interesado na temática.

Contidos

No que atinxe á propiedade intelectual e industrial, ao longo das dúas xornadas prestarase especial atención aos problemas de autoría e patentabilidade das obras realizadas por intelixencia artificial, así como a necesidade de garantir a protección de datos durante a utilización das mesmas. Respecto do eido laboral, as ponencias versarán sobre a utilización de IA para a xestión de recursos humanos, en particular, abordaranse os riscos do uso de algoritmos, ao poder contar estes con nesgos discriminatorios na súa configuración.

Do mesmo xeito, explica Rodríguez Martín-Retortillo, abordaranse as consecuencias da integración da IA no emprego, debatendo tamén en liñas xerais sobre a perda e creación de postos de traballo a raíz da dixitalización.

Todas as intervencións correrán a cargo de destacados xuristas “de recoñecida competencia nas disciplinas Mercantil e Laboral procedentes do ámbito nacional e internacional, polo que a perspectiva de Dereito comparado que adquire o congreso supón, sen dúbida, un valor engadido para todos e todas”.

O xoves, na Autoridade Portuaria

O congreso arrancará o xoves 6 pola tarde no edificio de sesión da Autoridade Portuaria coa inauguración ás 16:00 horas que dará paso a unha serie de ponencias moderadas por Isabel Espín Alba, profesora de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela. Entre os relatorios estará o de Enrico Bonadio, reader at city, University of London sobre a patentabilidade das obras xeradas por intelixencia artificial e o de Concepción Saiz García, profesora de Dereito Civil da Universidade de Valencia sobre a propiedade intelectual das obras xeradas por intelixencia artificial. Tras unha pausa intervirá Aurelio López Tarruella-Martínez, profesor de Dereito Internacional Privado da Universidad de Alicante e director da Cátedra Metaverso que falará sobre datos e intelixencia artificial e posteriormente comezará unha sesión de comunicación, coa que se pechará a primeira xornada.

O venres, no edificio Redeiras

O venres o congreso trasládase ao edificio Redeiras e comezará tamén cunha serie de ponencia moderadas por Jaime Cabeza Pereiro, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo. Intervirá María Luz Rodríguez Rodríguez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Castilla La Mancha, que falará sobre robotización e emprego; Aída Ponce del Castillo, investigadora do European Trade Union Institute (ETUI), que abordará a xestión algorítmica do traballo e, tras unha pausa, comezará un segundo panel de relatorios moderado por Belén Fernández Docampo, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, no que intervirán dous docentes italianos.

Por unha banda, Federico Martelloni, profesor de Dereito do Traballo da Università di Bologna, que analizará a relación entre as decisións automatizadas e a discriminación e, por outra, Valeria Nuzzo, da Università degli studi della Campagna Luigi Vanvitelli, que abordará a incidencia da intelixencia artificial na cualificación do contrato (autónomo ou subordinado). A xornada completarase coa presentación de comunicación, unha sesión moderada por Alexandre Pazos Pérez, profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, que dará paso á clausura do congreso.

Salir de la versión móvil