Teresa, Patricia ou Mónica son soamente tres nomes de entre os milleiros de mulleres que historicamente se encargaron de manter a horta galega viva. Enmarcada na proposta de #ElixeProdutoLocal, a Deputación de Pontevedra lanza unha campaña para visibilizar o traballo duro e non sempre gratificado das mulleres do campo, no mar e na horta.
O compromiso coa igualdade do ente provincial materialízase agora nesta campaña que quere poñerlle rostro e dar voz a todas esas mulleres que traballan con produtos que son despois protagonistas das cociñas de miles de fogares e que, pouco a pouco, volven a selo tamén das mesas dos restaurantes con estrela da provincia.
Enmarcada na campaña “Pontevedra Provincia na Túa Cesta”, lanzada en maio, e logo de realizar unha forte aposta polos pequenos e medianos establecementos co lema “Elixe Comercio Local”, chega agora o momento de sacar á palestra a mulleres como Mónica Silva, Teresa Míguez, Pilar Nogueira ou Marta Bugallo que, entre varios milleiros máis, extraen e coidan con mimo os produtos que enchen as nosas cestas e enriquecen a nosa cociña.
“Para a Deputación de Pontevedra é necesario poñer en valor a enorme contribución destas mulleres xa que tamén xogan un papel esencial na cadea que fai posible unha das principais sinais de identidade a nivel turístico da nosa provincia: a gastronomía”, explican dende a administración. Fano ademais de maneira artesanal, velando polo futuro dos recursos naturais de Rías Baixas e asegurando unha explotación sostible a máis longo prazo, tal e como promove a institución provincial no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
Estes sectores fundamentais foron duramente afectados pola Covid-19 polo que agora, máis que nunca, é preciso consumir produto local para axudar a mitigar os posibles efectos da crise socio-sanitaria na igualdade de oportunidades.