As persoas xordas poderán sentir a música folk. O Concello de Nigrán vén de adquirir cinco mochilas vibratorias dirixidas a que persoas con discapacidade auditiva poidan gozar da música, dun espectáculo, cine ou teatro.
Esta novidosa tecnoloxía que transforma o son en vibracións estreouse en España nas derradeiras actividades de Nadal do concello de Madrid. Nigrán convertese agora no segundo municipio do país en adquirilas para uso público e gratuíto, sendo o festival ‘Chan de Folk’ deste sábado (Chandebrito, 21:30 horas) con Roi Casal co espectáculo 'Son galego, son cubano' o punto de partida.
A adquisición, cun investimento de 10.000 euros, forma parte do programa de goberno municipal "Un Nigrán para todos" co que se traballa para eliminar as barreiras físicas e sensoriais na localidade.
“Dende o Concello de Nigrán estamos a promover e fomentar a cultura que ata agora non era accesible ás persoas xordas; queremos que os nosos festivais sexan inclusivos e esta nova tecnoloxía abre moitos camiños, polo que estamos moi satisfeitos de facer este investimento prioritario para noso xeito de entender a política”, sinalou durante a presentación desta mañá Juan González, alcalde de Nigrán, quen estivo acompañado polo propio Roi Casal.
"Dentro duns anos estou seguro que estas mochilas serán unha medida de accesibilidade obrigatoria para os concertos, igual que agora existe unha normativa arquitectónica á hora de deseñar espazos públicos", sinalou Casal, quen se mostrou "moi orgulloso" de que o seu espectáculo sexa o primeiro de Galicia en ofrecelas. "Estou sorprendido. Funcionan de marabilla, gústame moito a sensación que produce; é moito máis impactante que cando te pegas a un bafle para poder sentir as vibracións", sinalou Jonathan Vicente, persoa con problemas auditivos recentes e que tocaba o saxo tenor.
As diferentes vibracións que transmiten esta tecnoloxía de orixe francés e creación recente son transformadas grazas aos audios que reciben dende un equipo de son que conta cun transmisor UHF. Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas (implante coclear e/o audífono) non só sentirán as vibracións, se non que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo inductivo. As mochilas poden ir cargadas á espalda ou no peito e permiten que o usuario se poida desplazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas.