As restricións impiden a celebración do mercado do día 6 de decembro en Redondela

Publicidad

O Concello de Redondela deu a coñecer hoxe a suspensión do mercado previsto para o día 6 de decembro, e para o que se tiña xa todo disposto, “logo dos datos sobre a evolución da COVID no municipio que nos inclúe no Nivel Máximo de Restricións ao que se engade o peche perimetral”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas tralas reunións mantidas con responsables da Consellería de Sanidade.

O Goberno redondelán daba por certa a celebración da feira do 6 de decembro e de feito, tal e como explica o concelleiro de Feiras e Mercados, Vicente Lamas, “tíñamos adoptado todas as disposicións necesarias para desenvolvelo ocupando toda a zona da avenida Mendiño” ao considerar o executivo que preside Digna Rivas, “a complicada situación que atravesa o comercio local e que precisa de iniciativas dinamizadoras como a feira dos días 6 e 21 de cada mes”.

Rivas asegurou que a decisión de suspender a celebración da feira adoptouse tralas reunións mantidas con responsables da administración sanitaria galega que, amais de incluír a Redondela no nivel de restrición máximo, engadía a circunstancia dun peche perimetral do municipio, circunstancia que fai imposible a celebración deste mercado.

A alcaldesa redondelá deu conta que, unha vez máis e como ven facendo hai días, pediu aos responsables da Consellería de Sanidade a realización dun cribado de probas PCR para coñecer, con certeza, a incidencia da COVID en Redondela e “poder optimizar as medidas a tomar en coordinación coa Consellería”. Nese sentido, Digna Rivas lembrou que esta medida “vén sendo reclamada insistentemente por esta acaldesa dende hai máis dunha semana e, polo que parece, comezarán a facerse esta vindeira semana”.

O cribado de probas PCR, asegurou a rexedora local, "permitirá coñecer con exactitude o alcance da pandemia no noso territorio e, por tanto, poder actuar en consecuencia dentro das nosas".

Salir de la versión móvil