O BNG de Mos vén de denunciar o “gasto desmedido e o descontrol” na xestión económica do Concello de Mos que derivou na acumulación de facturas sen pagar por un importe próximo ao millón de euros. A situación obrigou ao goberno do PP a solicitar este luns, no pleno municipal, un recoñecemento extraxudicial de crédito de 917.973,34 euros, unha cifra coa que se pretende afrontar o pagamento de centos de facturas de exercicios anteriores.
O portavoz do BNG, Gustavo Barcia, cre que esta operación é consecuencia da “nefasta xestión do goberno de Nidia Arévalo”, pero optou pola abstención na votación “para non deixar a autónomos e pequenas empresas sen cobrar durante meses ou mesmo anos por culpa da irresponsabilidade do Partido Popular, que contrata obras e servizos sen contar con crédito orzamentario”.
O portavoz nacionalista no Concello lembrou no pleno que o recoñecemento extraxudicial de crédito é “unha figura extraordinaria pensada para pagar facturas que non tiveron consignación nos orzamentos e que están ligadas a gastos sobrevidos, como por exemplo unha emerxencia”. Na súa opinión, esta solicitude “compromete a estabilidade económica do Concello”, xa que o montante de boa parte das facturas impagadas dos anos 2018 e 2019 irá a cargo dos orzamentos de 2020.
Previsión irreal de ingresos
BNG presentou unha alegación ao orzamento municipal, aprobado en novembro de 2019, xa que a previsión de ingresos non se axusta, segundo denuncian, á realidade do padrón municipal.
O orzamento contempla unha recadación de 1.900.000 euros en concepto de IBI urbana, cando no 2019 esta cifra foi de pouco máis de 1.500.000 euros. O incremento para este ano debería ser, en consecuencia, do 25%, unha cifra que Gustavo Barcia considera “ totalmente inxustificada e irreal”. A pesar desta advertencia, o goberno de Nidia Arévalo rexeitou no pleno a alegación do BNG.