O BNG celebrou a resposta masiva que deron as viguesas e vigueses nas rúas na mobilización do 25 de novembro. No entanto, a fronte nacionalista advirte que o “clamor lila” do 25-N é un mandato claro para que todas as administracións poñan todos os seus recursos necesarios para facer do combate das violencias machistas unha verdadeira prioridade na axenda política. “Ese chamado tamén nos apela a nivel municipal. O Concello de Vigo, por ser a administración máis próxima, ten o potencial de se converter nun verdadeiro motor de transformación feminista”, defende o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas.
Igrexas dirixiu este martes un escrito ao alcalde no que lle sinala que “é momento de pasar dos compromisos formais aos reais”. “Hai que pasar de declaracións a feitos. Non abonda con pendurar faixas, con poñermos o lazo lila ou facer discurso. Ten que haber un compromiso real e efectivo que se substancie en medidas e tamén nun compromiso orzamentario”, reclamou.
Neste sentido, o portavoz nacionalista dixo lamentar que o Goberno municipal “destine máis recursos a organizar chocolatadas itinerantes de Nadal, máis de 18.000 euros, que a realizar campañas contra a violencia machista, con apenas 13 mil euros orzamentados para este ano e o que vén dos que só se executou no que vai de 2019 o 5%”. Unha situación que xulga de “insoportábel” polo que ten de demostrativa da “falla de compromiso municipal cunha cuestión de tanta importancia”.
A fronte nacionalista trasladoulle ao rexedor unha batería con doce medidas que perseguen “duplicar o esforzo” do Concello para combater o machismo en todas as súas expresións e ofrecer o maior apoio ás mulleres. “A loita contra as violencias machistas non pode acabar o 25 de novembro, ten que darse todos os días”, reclaman.
O BNG de Vigo demanda no concreto a creación de dous novos centros de atención ás mulleres nos barrios de Coia e O Calvario, a posta en marcha dun Programa específico de apoio ás mulleres de violencia machista -dotado con como mínimo 300.000 euros-, aumentar a partida orzamentaria destinada a campañas contra a violencia de xénero dos actuais 13.000 euros até como mínimo 150.000 euros. Incrementar a dotación económica do Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades até os 500.000 euros ou mellorar a coordinación entre os diferentes recursos para ofrecer unha atención completa e integral ás mulleres.
Tamén piden que se reforce a atención dos servizos de benestar social ás mulleres vítimas de violencia machista, ofrecer apoio psicolóxico especializado ás fillas e fillos de mulleres que viviron situacións de violencia de xénero, a formación dun voluntariado específico para traballar con vítimas de violencia de xénero e o desenvolvemento de accións formativas e de concienciación especialmente entre a mocidade.
Por último, chaman a despregar máis esforzos contra a trata de mulleres e a explotación sexual, propoñendo que se prohiba a publicidade en todo o termo municipal, se fiscalicen as licenzas de actividade dos prostíbulos, se despregue unha campaña en contra do consumo de prostitución e que se poñan en marcha medidas específicas de apoio e asistencia ás mulleres prostituídas.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, afirmou este mediodía que o goberno municipal dedica á loita contra a violencia machista 1.500.000 euros.