Co propósito de poder avanzar no proxecto de especialización do campus pontevedrés, de cara a someterse nun futuro ao proceso de acreditación por parte da Xunta de Galicia, o Consello de Campus de Pontevedra aprobou este xoves o plan estratéxico do Campus Crea para o período 2024-2027. Trátase dunha folla de ruta que recolle as liñas de actuación e obxectivos estratéxicos do proxecto, así como as súas catro liñas de especialización, centradas nas súas conexións da creatividade coa arte, a comunicación, o deseño e a educación. Este documento, que deberá ser ratificado tamén polo Consello de Goberno, foi aprobado na primeira sesión deste órgano neste 2025, na que o reitor, Manuel Reigosa, informou dos traballos para impulsar no campus un instituto de investigación, que tería como eixes o deporte e a educación e que sería o primeiro en pórse en marcha en Pontevedra.
A sesión desenvolvida este xoves na Casa das Campás completouse cos informes da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.
A directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, presentou nesta sesión un plan estratéxico dirixido a “avanzar no proceso de especialización do campus” e que recolle unha serie de obxectivos estratéxicos “sobre os que xa se está traballando”, de cara a someter no futuro o proxecto ao proceso de acreditación como campus de especialización. Nese senso, Fernández Souto explicou que para iniciar ese proceso é preciso ter aprobado e impulsado previamente un plan estratéxico, no que se enmarcan as accións a acometer nos ámbitos “da docencia, investigación, transferencia e internacionalización”.
De acordo cos cambios na normativa que rexe este proceso, explicou, este plan plasma tamén a modificación do proxecto de especialización, orientada a “pór o foco nesas titulacións especificamente máis relacionadas coa creatividade”. Defínense nese senso “catro liñas de especialización”; as de creatividade e arte, creatividade e comunicación, creatividade e deseño e creatividade e sociedade, centrada esta última “na educación, como un elemento transversal, e na que poidan ter cabida os grupos que traballan a creatividade desde outros ámbitos”. Presentado como un proxecto que “aglutina baixo unha mesma identidade e imaxe de marca aquelas áreas de coñecemento do ámbito da creatividade", Campus Crea vincula, como recolle o documento, catro facultades, 17 títulos de grao, mestrado e doutoramento, máis dun centenar de docentes e 12 grupos de investigación.
Resultado dun proceso de análise interna e externa, neste documento defínese un plan de acción con catro liñas de actuación, nas que se insiren un conxunto de accións que buscan dar resposta a “tres retos prioritarios”. Concretamente, “ser o elemento aglutinador de actividades de docencia, investigación, transferencia e divulgación relacionadas coa creatividade”; potenciar arredor desta a “colaboración transversal” entre grupos de investigación e co tecido produtivo e “posicionar a marca Campus Crea nos ámbito social, económico e empresarial”. Partindo deses retos, unha das liñas de actuación estará centrada no posicionamento do proxecto de especialización, mentres que outro dos eixes será impulsar unha “formación creativa e de vangarda” e a estes súmanse á súa vez o impulso da “investigación multidisciplinar” e a promoción da transferencia de tecnoloxía e coñecemento.
No seu informe, o reitor salientou que “imos comezar os traballos para a creación dun instituto de investigación no campus, nucleado na contorna de temáticas relacionadas coa educación e os deportes e campos afíns”, tendo en conta que existen nestes eidos distintos grupos “salientables en canto a resultados de investigación”. Este proceso será dirixido pola Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación e o traballo iniciarase cos diferentes grupos que poderían adherirse ao instituto, co obxectivo de pór en marcha “un proceso participativo”, que permita xerar definir tanto o nome do futuro instituto como “unhas liñas de traballo”.
Definidas estas, explicou Reigosa, acometerase a elaboración dunha normativa para logo aprobar a súa creación nos órganos de goberno da institución académica, mais, previamente é preciso definir “unha comunidade de intereses en canto as liñas de investigación”, salientou. “Os pasos iniciais son moi importantes, porque hai que conseguir que se vexa como unha oportunidade de futuro”, ademais de como “un primeiro paso para a futura creación de centros de investigación”, sinalou Reigosa. Finalmente, o reitor lembrou que a creación deste organismo xa está contemplada nos orzamentos da Universidade para 2025, polo que “contamos que ao longo deste ano poidamos ter por fin un instituto de investigación en Pontevedra”, que, lembrou, sería o quinto que se pon en marcha na UVigo.
Entre outros asuntos, o reitor abordou tamén o proceso de creación da futura Facultade de Enfermaría, que contaría cunha sede nos tres campus e que se atopa “pendente dos convenios de desadscrición” dos actuais centros adscritos. Reigosa detívose así mesmo nos “excelentes” datos de matrícula acadados no presente curso no campus e “que son historicamente moi salientables”, ao lograrse unha taxa de ocupación de 107% nas prazas de novo ingreso no conxunto de graos que se imparten en Pontevedra.
Os traballos para a elaboración do plan estratéxico do Campus Crea e as modificacións acometidas, dirixidas a “ir nas mellores condicións á acreditación” foron tamén sinaladas pola vicerreitora do campus, que fixo balance no seu informe das actuacións acometidas ao longo de 2024 ao abeiro do proxecto de especialización, da programación cultural desenvolvida e das accións en materia de investigación, transferencia, empregabilidade e infraestruturas. Lantarón abordou así mesmo outra serie de actuacións previstas para estes meses, como os traballos de renovación da cuberta e instalación de placas fotovoltaicas na Facultade de Fisioterapia, que se atopan en marcha, ou as obras iniciadas nestes días para "para mellorar a canalización da auga no campus e o subministro da Escola de Enxeñaría Forestal, en Fisioterapia e na Escola Infantil”. Así mesmo, anunciou, nos próximos días darán comezo os traballos de renovación do pavimento da pista deportiva do Pavillón Universitario.
Por outra banda, Belén Rubio afondou no seu informe da “evolución moi positiva” da Universidade en diferentes indicadores relativos á investigación, dentro dos que salientou a posición destacada da UVigo nos ránkings internacionais por ámbitos de coñecemento. Entre outros, destacou o a "papel moi forte" da investigación en ciencias do deporte, o que motiva tamén ese obxectivo de impulsar un instituto de investigación, posto que “cómpre facer un no campus de Pontevedra”. A vicerreitora lembrou tamén que “nalgúns dos ránkings estamos moi ben posicionados tamén en artes e noutros aspectos das ciencias sociais”, o que, destacou, “é froito tamén” do labor dos investigadores e investigadoras do campus. Esta cuestión levouna á súa vez a incidir na aposta da Universidade por “valorar a carreira investigadora dun xeito diferente”, que teña en conta “que hai moitas outras saídas que non son só xerar publicacións”, como podería ser a produción artística. Rubio lembrou neste punto que a Universidade forma parte desde os seus inicios de CoARA, a Coalición Internacional para o Avance da Avaliación da Investigación, que ten como obxectivo promover novos criterios de avaliación do labor de I+D, “nos que se se inclúan máis ítems”, alén das publicacións en revistas científicas.
No seu informe, Rubio detívose así mesmo na evolución da UVigo en materia de transferencia e internacionalización e nas iniciativas para impulsar a carreira investigadora, dentro das que destacou “que somos unha das poucas universidades que contamos cunha convocatoria de retención de talento”, da que se beneficiaron máis de 50 persoas.
O reitor da Universidade de Vigo salientou o obxectivo de crear este ano un instituto de investigación en Pontevedra
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL