O organismo rehabilitador Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) ven de adquirir catro inmobles por un importe conxunto de 275.000 euros que serán rehabilitados ao longo do vindeiro ano. Trátase de catro edificios ubicados na rúa Alta do barrio histórico, concretamente os números 8, 10, 12 e 14.
Segundo informou a presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, esta operación permitirá ao ente público intervir sobre unha superficie edificable de preto de 700 metros cadrados, sendo esta a primeira interverción que acometerá o organismo rehabilitador nesta rúa, situada preto da Porta do Sol, no centro neurálxico da cidade de Vigo.
En canto ao número de vivendas e locais resultantes da intervención, estarán condicionados ás solucións urbanísticas e arquitectónicas dos futuros proxectos. Non obstante, atendendo ao contido do PEPRI Casco Vello vixente se permitirían edificios de ata catro alturas contando coa planta baixa e seguindo a aliñación coas construcións xa consolidadas na zona.
Fernández-Tapias fixo balance dun ano que remata con tres operacións de compra xunto a San Sebastián 8 (800.000 euros) e Berbés 29-San Francisco 2 (por un importe conxunto de 152.000 euros). Por outra banda, indicou que "ao longo deste 2021 se adxudicaron mediante sorteo un total de nove vivendas procedentes das intervencións do Consorcio Casco Vello de Vigo", nos edificios situados en Berbés 41 (2 vivendas), Abeleira Menéndez 16 (1), San Francisco 15 (2) e Berbés 29-San Francisco 2 (4).
A presidenta do organismo rehabilitador defendeu así a "necesidade de darlle continuidade ao valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, facilitando o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización da zona histórica". Neste sentido, afirma que "esta última operación reafirma o compromiso adquirido polo CCVV de intensificar o seu ritmo de intervención, condicionado á falta de ferramentas urbanísticas para adquirir un importante volume de inmobles". Así, volveu a reclamar ao Concello que "habilite os mecanismos expropiatorios aos que se comprometeu no 2017".
"Pola nosa parte, seguimos apostando por cumprir cos obxectivos marcados xa que, aínda que se avanzou moito na reconstrución do casco vello, queda moito por facer", dixo Fernández-Tapias facendo referencia ao plan de actuación dos vindeiros catro anos que contempla a compra de 25 novas edificacións. De cumprirse dito plan constituirá un conxunto edificable de máis de 7.000 metros cadrados que "suporá a posta no mercado de 45 vivendas de promoción pública ata o 2025, o que implicará a mobilización de 14,5 millóns de euros ao longo deste cuadrienio", explicou.
Desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA).