"Cecilia" castiga ás Rías Baixas con triple alerta por vento, ondas e chuvia

Publicidad

O temporal “Cecilia” déixase sentir con forza en Galicia. Nas últimas horas sucédense as incidencias dunha borrasca que está a provocar fortes refachos de vento e que se manterá durante practicamente toda a xornada. A situación obrigou xa a activar a alerta vermella na costa por ondas que poderían superar os oito metros, namentres que en terra mantense dobre aviso amarelo.

En terra a alerta está activada por precipitacións que poden supoñer acumulacións de até 40 litros por metro cadrado até as 18:00 horas, mentres que os refachos de vento serán superiores aos 80 km/h ao longo de toda a xornada, aínda que se prevé que a situación acougue a partir da noite. Neste senso, o BNG vén de solicitar ao Concello de Vigo que se restrinxa o acceso a todas as zonas de árbores e a parques e xardíns para evitar riscos.

O concelleiro nacionalista na cidade, Xabier Pérez Igrexas, alertou esta mañá da caída dunha árbore de gran porte no paseo de Montero Ríos e transmitiu ao goberno a necesidade de “supervisar” os traballos na noria e nos grandes ornamentos de Nadal.

Ao mediodía, os refachos de vento en Vigo xa superaron o 50 km/h mentres que no litoral de Baiona rozáronse xa o 90 km/h e en Oia chegouse aos 100 km/h. Neste xoves rexistráronse ademais 125 raios en toda a comunidade, segundo os datos de Meteogalicia.

Refacho de Vento en Galicia // Meteogalicia

Arestora, o 112 Galicia rexistra incidencias menores en todos os concellos da área metropolitana de Vigo. En Tui, está pechada a Ponte das Febres, en Ribadelouro, ao paso do Camiño de Santiago ante a crecida do río Louro. En Mos, a estrada que conecta Petelos co Polígono Industrial da Veigadaña mantense pechada ante un corremento de terras que cubriu o firme e imposibilita a circulación.

En Peinador, un avión de Air Europa que viaxaba dende Madrid non puido aterrar debido aos refachos de vento e viuse obrigado a volver á Barajas ante a mala situación meteorolóxica tamén aeroportos próximos. No referente ao transporte de ría, está cancelado tanto con Piratas de Nabia como con Mar de Ons.

Salir de la versión móvil