Conta atrás para as obras de humanización da Avenida Santa Mariña en Redondela

Publicidad

O Concello de Redondela vén de licitar as obras de humanización da Avenida Santa Mariña, traballos para os que destina un investimento de 450.686,84 con cargo ao Plan Concellos 2021 e que permitirá a transformación deste espazo urbano xa que, a maiores da humanización da zona, procederase á mellora da rede de subministro e saneamento.

As obras abranguerán traballos de instalación de sistemas de alumeado e sinalización, mobiliario urbano, canalizacións para saneamento e abastecemento, tubaxes para liñas de comunicación e condución elétrica, mellora de beirarrúas e pavimentación. O firme de todo o trazado obxecto das obras, nunha extensión de 680 metros cadrados, será pavimentado con aglomerado asfaltico de 6 centímetros de espesor e en ámbalas dúas beiras da rúa, instalaranse canalizacións para a recollida de pluviais que contarán con sumidoiros no lado sur. Do mesmo xeito, nos dous lados da rúa obxecto das obras realizarase a instalación integral da rede de abastecemento de auga potable.

Os traballos completaranse coa mellora integral das beirarrúas e a instalación de alumeado público co obxectivo de "mellorar as acondicións de luminosidade da zona y que permitan unha mellora da eficiencia enerxética en canto a consumo e emisión de CO2", explican dende o Concello. Finalmente, dotarase á zona da correspondente sinalización de tráfico, tanto horizontal como vertical e de mobiliario urbano (xardiñeiras, bancos, papeleiras e varandas).

Esta actuación, ao igual que a xa adxudicada da mellora da contorna do Pazo Torres de Agrelo de Cesantes, forma parte dun proxecto integral do Goberno local, a través da Concellería de Vías e Obras que dirixe Vicente Lamas, "que busca, fundamentalmente, a mellora da calidade de vida da veciñanza ao poder gozar dunha contorna máis amable, máis 'vivible' e cuns servizos adaptados ás necesidades dun municipio do século XXI", asegura Digna Rivas, alcaldesa de Redondela.

Salir de la versión móvil