David Alonso (1981) chega a estas eleccións do 28M como candidato do PSdeG á Alcaldía do Porriño tras ser concelleiro no goberno de Eva García de la Torre ata o momento no que unha moción de censura deulle a Alcaldía a Alejandro Lorenzo 'Caroca'. O candidato socialista chega a estes comicios pensando en desbancar ao Partido Popular do Goberno, cun proxecto no que prioriza o soterramento do paso a nivel ferroviario, a creación dun auditorio municipal e a creación dunha tarxeta dignidade para as familias máis desfavorecidas.
Pregunta (P): Gustaríame que me dera unha breve valoración da última lexislatura, que comezou co PSOE gobernando e rematou co PP ao frente da Alcaldía
Resposta (R): Foi bastante convulsa tanto a nivel político como social-ecómico. A partir do decreto do estado de alarma o Goberno municipal non puido saborear todos os proxectos que quixese porque as persoas pasaron a ser a prioridade. Desde o Concello lanzáronse varias axudas a diferentes sectores como o hostaleiro, ao que destinamos 200.000 euros. Tamén outras axudas como cheque alimentos para comprar alimentos perecedoiros a familias moi necesitadas, sobre todo na contorna do Porriño – Torneiros, que é unha zona bastante delicada, ás cales se dedicaron 400.000 euros.
A maiores, foi unha lexislatura na que os avances en humanizacións foron co Partido Socialista, a coalición PSOE-BNG. A humanización de San Benito, a da rúa Aloques e a de Doantes de Sangue, elas tres suman millón e medio de euros en humanizacións e sempre coa financiación da Deputación de Pontevedra. A Xunta de Galicia nesta lexislatura non axudou ao Porriño, salvo cando entrou o PP. Dende Santiago ninguneáronnos e agora empezan a chegar carteis, pero non se ven obras feitas, executadas ou por executar.
O PP deseñou unha estratexia baseada en mentiras e calumnias sobre a facturación para chegar ao Goberno, na que se demostrou hai un mes que o préstamo que era legal, que estaba ben. Hai tres millóns deste préstamo que nos custa case un millón en intereses que vamos a pagar todos os porriñeses por culpa dunha estratexia baseada na mala fe e en mentiras continuas en diferentes medios de prensa e nos plenos municipais que custou a desconfianza de Esquerda Unida e a moción de censura.
P. Menciona a moción de censura. Cre que lle pode beneficiar ou prexudicar ao PSOE todo o acontecido hai ano e medio cando tivo lugar o cambio na Alcaldía?
R. Creo que o Partido Socialista non é o culpable, hai que ir á orixe. E esta é que se firmou unha moción de censura. Se non se houbese feito, non se houbese aberto ningún melón de ningunha clase e a esquerda houbera seguido gobernando. Cando se firma unha moción de censura hai que pensar nas consecuencias. Tiñamos unha compañeira que non estivo a altura do partido, acabou tomando unha decisión egoísta e non deu o paso a un lado para que o PSOE seguira gobernando, neste caso comigo de Alcalde, que era a condición que pedían os partidos.
P. No caso de non poder gobernar en solitario, con quen estaría disposto a formar goberno?
R. Chegado o 28 de maio saberemos os resultados, despois haberá que valorar, saber a opinión dos afiliados e Partido e consensuarase con eles calquera acordo de pacto con calquera forza política. O que non vamos agora mesmo é pensar niso. Pensamos en gañar as eleccións e desbancar ao Partido Popular que é o que nos interesa. Non nos podemos descentrar en posibles acordos ou pactos, agora mesmo non leva a nada.
P. Antes mencionaba a súa compañeira de partido, pensa que a presentación da candidatura da exedil socialista Lourdes Moure, co grupo político Alternativa Popular do Porriño, lle pode restar votos ao seu proxecto?
R. Iso mirarase o 28 de maio. Hai opinións de todo tipo, escoito na rúa que si, que nos pode restar votos, pero tamén hai xente que nos volve votar porque ela non está. Penso que ao final vaise compensar.
P. Cales son os tres ou catro principais proxectos da candidatura socialista para O Porriño?
O primeiro ten que ser retomar as conversas para soterrar a vía do tren. Eva García de la Torre comezou este impulso para soterralo cun convenio con Adif no cal sacou unha licitación para facer un estudio xeotécnico do paso nivel ao seu paso por Porriño, que estaba rematado, e a sorpresa é que, coa visita do Delegado de Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, anúncianos que hai un convenio encima da mesa do alcalde dende o 27 de xullo do ano pasado e estaba a espera da contestación. Un tema tan serio coma este para o partido e para todos os porriñeses creo que ten que ser o primeiro que vai ser a primeira actuación que creo que teño que facer como alcalde o 28M é pedir cita urxente en Adif e Ministerio de Transportes e falar deste tema.
A segunda obra será a construción do Auditorio Municipal, que no Porriño non temos. Fai falta un espazo para expresar o talento artístico do porriñeses e un espazo de encontro cultural. Ata o de agora non se abordou este tema. É un tema de moitas promesas, unha obra moi prometida noutros programas electorais doutras épocas pero nunca se levou a cabo, pero agora é unha prioridade.
Ademáis, como concelleiro de Servicios Sociais xa miraba unha situación un pouco delicada para as familias mais desfavorecidas. Temos que darlle prioridade. As obras fan falta, pero tamén as persoas. Temos no nos programa crear unha tarxeta dignidade para evitar esas colas no banco de alimentos e quitar así esas estigmatizacións que se producen. Esta vai pasar a ter unha prioridade absoluta así que entremos no Goberno, sobre todo porque o banco de alimentos non dispón de produtos perecedoiros, nin carne, nin pescado, e polo tanto, hai un problema de desnutrición, sobre todo nos nenos pequenos.
P. Que sería un bo resultado nas eleccións?
R. Evidentemente, gañar con maioría absoluta. Iso é o que soño, despois á realidade é que van falar os cidadáns a partir do 28 de maio e aceptaremos a súa decisión, para ben ou para mal.
P. E un malo?
R. Baixar da representación dos tres concelleiros que somos agora. O que sexa igualar ou baixar iso sería un resultado que había que facer un pouco de autocrítica, cousa que si fixemos este ano. O que é certo é que o Partido quedou danado por culpa da situación que se viviu, iso está claro.
P. As políticas de vivenda non son de competencia municipal, pero é un problema importante. Que se pode facer dende o Concello?
R. No noso programa van diferentes liñas de axudas, vai un programa específico de vivenda social, tanto de construción como de rehabilitación de edificios no centro urbano do Porriño e contorna. Sacaremos diferentes liñas de axuda para rehabilitar e construír vivienda social e levamos específicamente a creación dunha bolsa de alugueiro municipal para atallar este problema de falta de aluguer que é moi grave. Deste xeito, darlle solución a esas persoas que o pasan moi mal cando se lles acaban os contratos e teñen que volver facer unha búsqueda e pasan verdadeiras dificultades para atopar unha vivenda digna.
Por aí ten que ir e tamén na creación de superficie para vivenda publica no PXOM. Modificarémolo para aumentar a porcentaxe de vivenda pública e tamén temos no programa diferentes axudas de alugueiros para a mocidade e para os maiores para compensar a falta de ingresos.
P. A nivel de ocio e cultura, cales son as súas principais apostas?
En canto a ocio, temos un problema de dotación de infraestruturas para a mocidade e temos que plantearnos unha zona de ocio para os máis novos, que sería no Campo da Feira, cun circuito de track, de escada ao aire libre, zonas wifi, auditorio ao aire libre e cuberto. Damos diferentes propostas para ofrecer este servicio para os máis cativos.
Ademais, para a xente nova temos a idea de crear a casa da xuventude onde se darán servicios e programacións específicas tanto a nivel cultural, artístico ou creativo para que poidan expresar todo o seu talento. Planteareamos aquí tamén a apertura nocturna deste edificio, sempre controlado, pero cun sentido cultural, non so lúdico.
En canto ao ocio, o alcalde ten unha política de festas, cousa que nós estamos de acordo en nunca deixamos de facelas cando gobernávamos, somos partidarios de que se fagan. Pero consideramos que se está dando moito pulo a festas de nova creación, como Porrigalia, pero as históricas, como o Cristo ou San Benito, perderon peso. Polo que fortaleceremos a festas de toda a vida e darlle un pouquiño máis de motivo á festa, non facer festa porque si, de calquera maneira.
Outro dos criterios que observamos que non ten o alcalde á hora de facer os eventos é a falta de previsión. Os hostaleiros e os comercios non teñen información suficiente de que se vai facer. Hai casos moi rechamantes, como a actuación da orquestra Panorama, na que os hostaleiros non souberon do evento ata dous días antes. Por iso propomos facer unha mesa sectorial, xunto co comercio-hostaleiro, para facer unha programación anual, que este regalada, con datas fixas, que teñan as súas previsión de compra das suas mercadoras e non incorrer en gastos desmesurados por esa falta de previsión por esas festas incontroladas deste alcalde.
P. Se vostede está á fronte do Goberno que plan ten para Villa Florida?
R. Villa Florida é un edificio cun componente patrimonial e histórico super interesante que temos que valorar, pero, polo prezo que están a pedir, habería que ver se é posible ou no adquirilo. O Concello ten unha boa situación económica, ten oito millóns de euros no banco, nós deixamos 13, poderíase adquirir esa vivenda con tanto valor histórico. Pero as parroquias seguen sen saneamento, son servicios básicos que creemos que se deben atallar e máis cando a Xunta de Galicia non está invertindo un duro nuna competencia coma esta. Se a Xunta non asume competencias, evidentemente hai que ver se da ou no da para todo. A min gustaríame facer de todo, pero cano chegas ao Goberno levas unha labazada de realidade e non podes facer este tipo de operacións que serían moi interesantes, pero primeiro as persoas.
Nos o que levamos no programa é a compra da casa da familia Pereiro Castro, a casa que está ao lado da capela de San Benito, cun valor histórico tremendo, e propomos que a oficina de urbanismo se traslade aí e que o museo etimolóxico do pan do Porriño tamén estea nesa casa.
P. Que se xoga O Porriño o 28M?
O cidadán ten dúas opcións, o voto útil ou o inútil. O voto útil é o que representa Partido Socialista e o inútil é o que representan aquelas forzas que non aportan nada salvo crear formacións que están para ter representación e facer de chave para gobernar segundo lle interese ou segundo os seus intereses persoais. Iso é o que creo que ten que valorar o cidadán de cara o 28M , qué partidos tiveron un comportamento serio, cales gobernaron para as persoas, sen deixar a ninguén de lado, e cales se dedicaron a falar de cousas que non son certas, sobre todo o tema das facturas. Chegaron ao Goberno con esas artimañas, todo vale para chegar alí e sobre iso o cidadán ten que reflexionar: como chegou ao Goberno ao PP, como deixou o Goberno e como actuou o PSOE. Ademais, na oposición estivemos á altura, apoiamos moitos servicios do PP que fora de interese xeral para os porriñeses. A altura de miras e a dignidade de saber estar na oposición creo que o cidadán ten que valoralo.