Demandan unha "actuación urxente" para poñer fin ao abandono do parque público do Museo Liste

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego urxe ao Goberno municipal de Vigo a actuar para poñer fin ao abandono que padece o parque público do Museo Liste e que se ten agravado nas últimas semanas. A fronte nacionalista denuncia a falla de mantemento da zona axardinada, con árbores que presentan risco de caída pola falla de atención municipal, así como o estado precario da zona de xogos infantil.

Neste sentido, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que “o único que fixo o Goberno de Abel Caballero en datas recentes é perimetrar con cinta algunhas das árbores, pero sen realizar ningunha labor de mantemento”.

Igrexas lembra que o do Museo Liste é un parque público con moita afluencia de familias e crianzas de pouca idade, ademais dunha das poucas zonas verdes e de esparcemento e convivencia veciñal no barrio do Freixeiro. “Moitas familias están preocupadas polo abandono do parque e transmítennos que están fartas de trasladar queixas a través da web municipal e o 010 sen que ninguén faga nada”, acrencenta.

A fronte nacionalista anunciou que vai rexistrar unha solicitude demandando que o Goberno municipal “exerza as súas competencias e responsabilidades e garanta o uso seguro do parque”, lembrando que hai poucos días unha das pólas de gran tamaño dun exemplar de eucalipto acabou provocando danos sobre un vehículo nunha rúa anexa.

Mantemento do arboredo

Igrexas tamén se pronunciou sobre o incidente rexistrado este domingo na que un vehículo resultou danado e a súa condutora ferida por causa do desprendemento dunha póla do arboredo da Gran Vía.

A este respeito, o portavoz municipal nacionalista reclamou “unha mellor atención e mantemento do arboredo” por parte do Concello para evitar este tipo de riscos á seguridade. “As árbores requiren duns coidados que parece claro que o actual Goberno municipal non lles garante ao tratalas como se fosen postes”, explicou.

Salir de la versión móvil