Competir como deportista ao máximo nivel require do esforzo e compromiso necesarios para afrontar as moitas horas de adestramento e as viaxes, concentracións e competicións, así como de capacidade de superación para afrontar novos desafíos deportivos. Eses valores fanse aínda máis patentes no caso daqueles e daquelas compaxinan a súa carreira deportiva cos estudos universitarios, como é o caso da 23 veces campioa de España de loita Lydia Pérez e do triatleta David González, beneficiarios no presente curso das axudas da UVigo a deportistas universitarios de elite. Dirixidas a apoiar o labor do alumnado que participa en competicións internacionais nos ámbitos do deporte federado ou universitario, trátase dunhas axudas cunha dotación económica de 1500 euros, orientadas a que poidan sufragar gastos derivados da súa participación nunhas citas que ambos sinalan como datas clave nos seus calendarios. No caso de Pérez Touriño, a preparación do Campionato de Europa de Loita, no que buscará subir ao podio por primeira vez, e no caso de González Borges, os campionatos de España de triatlón, nos que tratará de acadar o pase ao europeo e mundial deste deporte.
Impulsadas no presente curso por segunda vez, estas axudas teñen como obxectivo apoiar a participación de estudantes “que destacan na actividade deportiva nacional ou internacional e que ao tempo contribúen a proxectar os valores propios da Universidade”, como recolle a convocatoria. Dirixidas a estudantes que nos dous anos previos participaran en campionatos mundiais, europeos ou de España no ámbito federado ou en torneos mundiais do deporte universitario, este programa busca tamén “contribuír á proxección internacional dos valores e obxectivos propios da Universidade de Vigo”, como o desenvolvemento “dun estilo de vida activo e saudable”.
“Sinto paixón polo deporte, para min é algo básico na vida dunha persoa”, recoñece a loitadora Lydia Pérez, que afronta os seus últimos meses como estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. De feito, máis aló do deportivo, un dos seus obxectivos neste 2025 é defender o seu traballo de fin de grao nunha titulación que “me valeu para aprender moitas cousas” na faceta de deportista de elite, ao tempo que recoñece tamén a necesidade de ampliar coñecementos para poder traballar no futuro como adestradora no ámbito “do alto rendemento, que é o que máis me interesa”.
Tras anos compaxinando as sesións de adestramento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), coas clases na facultade, o que levouna a “ir baixando” o número de materias que decidía afrontar cada ano, Pérez Touriño trasladouse este curso a París, co obxectivo de seguir formándose como loitadora no INSEP francés. “Foi un cambio moi grande, pero estou moi contenta, porque alí adestro todos os días con medallistas europeas e mundiais”, recoñece esta deportista do Club Loita Pontevedra, que, desde categoría cadete ata a actualidade, acumula un total de 23 títuls de campioa de España. “Ao final, cando saes da zona de confort, é cando melloras”, engade Pérez, que decidiu afrontar este cambio tras non lograr clasificarse para os Xogos Olímpicos de París.
De feito, estar presente nas olimpíadas de Los Ángeles 2028 é o “obxectivo a longo prazo” desta pontevedresa, que, dun xeito máis inmediato, pon a vista no Campionato de Europa do mes de abril, onde “o reto sería conseguir unha medalla ou cando menos estar loitando por ela”. De feito, a axuda da UVigo estará destinada a sufragar unha cita preparatoria previa en Italia, o que lévaa a incidir no “moito que se agradecen” apoios deste tipo. Diferentes medallas en torneos internacionais e un bronce nos Xogos do Mediterráneo forman parte tamén do palmarés dunha loitadora que, se ben recoñece as olimpíadas como “o soño de todo deportista”, afronta 2025 cos obxectivos de subir por primeira vez ao podio, tanto no europeo como no mundial.
A paixón polo deporte foi así mesmo o que levou a David González a cursar tamén o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Era o que quería facer desde hai tempo”, sinala este triatleta, que afronta o seu cuarto ano na titulación co obxectivo de “sacar o máximo posible de materias” e enfrontarse o vindeiro curso ao TFG. “Máis aló dos logros, o deporte axudoume moitísimo como persoa. Dáche unha visión da vida que non tería se tivese feito outra cousa”, engade González Borges que destaca como principal reto para a presente tempada tratar de situarse entre os tres mellores da categoría sub23 no Campionato de España, tanto na distancia olímpica como na sprint “e poder clasificarme para o europeo e o mundial”.
Deportista do Cidade de Lugo Fluvial, González xa coñece o que é “competir xunto cos mellores”, tras conseguir clasificarse en 2021 e 2022, nas categorías júnior e sub23, para os campionatos de Europa e do munudo de duatlón, modalidade que combina natación e carreira. Non obstante tamén pon o foco en que o nivel das novas xeracións de triatletas en España “é incrible” na actualidade, o que lévao á súa vez a incidir no positivo de apoios económicos como os da Universidade de cara a poder participar en competicións internacionais, “que logo normalmente a federación española pon como criterios doutras competicións máis importantes”.
Formado no Club Triatlón de Vigo, Gon´zález recoñece tamén que se iniciou no tríatlon “por obrigación”, cando, sendo un rapaz, os seus pais animárono a probalo. “Comezou a gustarme, quedei e aquí estou”, sinala un vigués que desde entón mantén “unha liña de progresión” ascendente que levouno a situarse entre os oito mellores sub23 de España. “Cando empecei, chegaba de último”, recoñece González, que ve este deporte “máis como unha carreira a longo prazo”, o que faino á súa vez pensar en soños, que a día de hoxe “están moi lonxe”, como participar nas Series Mundiais, “a máxima competición a nivel internacional”, ou nuns Xogos Olímpicos.
Las jornadas se desarrollarán hasta el viernes y cuentan con reconocidos investigadores como Oussama Khatib de la Universidad de Stanford
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL