Esixen a anulación dos "chalés VIP" de Cabo Estai tras un novo informe sobre a ilegalidade das licenzas

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego esixe a anulación definitiva das licenzas para a construción de seis "chalés VIP" en Cabo Estai. Así o anunciou este xoves o candidato e futuro portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após un novo informe da Secretaría Xeral do Pleno, con data 30 de maio, no que o máximo funcionario municipal ratifica a ilegalidade das actuacións, como xa advertira noutro informe o pasado 17 de abril.

“O BNG queremos advertirlle á concelleira de Urbanismo, María José Caride, e ao alcalde, Abel Caballero, que non imos permitirlle que intenten legalizar pola porta de atrás este pelotazo urbanístico en primeira liña de costa”, afirmou Igrexas, que valorou que os informes da Secretaría Xeral acreditan de forma “incontestábel” que Caride "outorgou estas licenzas de forma ilegal".

O futuro portavoz do BNG lembrou que xa interpelou durante o mandato en reiteradas ocasións sobre estas licenzas, e afeou que a única actuación por parte da edil de Urbanismo fora a suspensión cautelar dos efectos das mesmas. “Caride tentou a través de outros informes saltar as conclusións contundentes da Secretaría Xeral. Exactamente para quen traballa? Para os intereses xerais do cidade ou para facilitar unha operación urbanística duns particulares?”, cuestionou.

“Non podemos ter urbanismo á carta en función dos apelidos dos promotores, temos que rematar cos tempos da barra libre urbanística na cidade”, remachou Igrexas, que advertiu aos responsábeis do Goberno municipal que “ditar de xeito arbitrario resolucións ilegais e inxustas” suporía incorrer nun delito de prevaricación administrativa castigada polo artigo 404 do Código Penal.

Salir de la versión móvil