As desigualdades, os comportamentos machistas, a misoximia ou as violencias de xénero presentes na sociedade analóxica teñen tamén o seu reflexo na contorna virtual, en moitas ocasións replicando estas actitudes e, noutras, xerando os seus propios códigos. Fenda dixital de xénero, cousificación do corpo das mulleres, acoso en redes sociais, cibercontrol, sexting, algoritmos sexistas… son moitos os mecanismos que o machismo desprega na contorna virtual para perpetuar as desigualdades. Para comprender as súas claves, a Universidade de Vigo acaba de publicar o libro Hackeamos o patriarcado. Unha análise do machismo dixital, o terceiro volumen da Colección Feminismos en colaboración coa editorial Galaxia.
Na presentación oficial deste libro, que tivo lugar este xoves no edificio Redeiras, estiveron presentes a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda; a profesora da EE de Telecomunicación e investigadora de atlanTTic Soledad Torres, coordinadora do libro e o director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, así como a deputada de Igualdade, Sandra Bastos e a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez.
O libro xorde dentro da colaboración ente a Universidade de Vigo e a Editorial Galaxia na Colección Feminismos, a través da Unidade de Igualdade, polo interese que cada vez ten a análise da sociedade dixital en clave de xénero. Como explica a directora da Unidade de Igualade, “detectamos a unha serie de investigadoras que, no marco da Cátedra Feminismos 4.0 DEPO-UVigo ou no marco de outras iniciativas de investigación e divulgación, estaban a traballar nesta temática dende diferentes puntos de vista e, por iso, lle propuxemos á editorial Galaxia facer un volume arredor desa temática”. Respecto da coordinación, Águeda Gómez explica que “consideramos que a profesora Soledad Torres Guijarro, tanto pola súa traxectoria investigadora neste campo como polo seu firme compromiso feminista, era a persoa idónea para coordinar e deseñar este volume”.
Na presentación, a vicerreitora destacou que este proxecto “cumpre con moitas expectativas importantes, porque, por un lado, visibiliza mulleres da UVigo que están traballando sobre temas cruciais do mundo feminino” pero ademais é froito da colaboración entre institucións e con Galaxia, “un referente magnífico en Galicia e en galego”. Con todo, Reboreda alertou “do fácil que é dar pasos atrás” no eido da igualdade, “estamos na corda frouxa e estámolo vendo en moitos países e con moitos resultados electorais”.
A deputada Sandra Bastos tamén puxo en valor este tipo de proxectos colaborativos e apostou pola súa continuidade, como tamén fixo o director de Galaxia, que avanzou que xa se está a traballar nun cuarto volume dentro da colección Feminismo que coordinará a propia Susana Reboreda e que se centrará na “ocultación do papel das mulleres na historia”.
Citando á profesora Torres, a deputada Bastos, remarcaba que “as desigualdades de xénero amplifícanse no mundo dixital, onde non hai barreiras temporais e xeográficas, nin, por tanto, refuxio. Nas redes sociais, a violencia contra as mulleres e as disidencias sexuais e identitarias multiplícase”. Fronte a esta realidade, neste libro achéganse os resultados de sete investigacións que se desenvolveron na Universidade de Vigo nas que se analizan estes problemas e se propoñen solucións e referentes para que o mundo dixital sexa un espazo seguro e de crecemento para todas”.
Unha ollada feminista á asistencia dixital, do que a propia Soledad Torres é coautora, é un proxecto que analiza os chatbots dende unha perspectiva feminista, incluíndo tanto asistentes virtuais como Siri como outros sistemas de atención ao cliente. Os resultados, detalla Torres, amosan que “as persoas que desenvolven estes chatbots precisan formación en xénero porque están reproducindo estereotipos sexistas, empregan linguaxe non inclusivo e mesmo toleran bromas machistas ou agresións por parte dos usuarios”. Ademais, case todos os asistentes teñen xénero feminino, “reproducindo ese rol de mulleres dispostas a atender as necesidades dos demais”.
Un segundo capítulo céntrase nas violencias de xénero dixitais e reflexiona sobre as súas causas da súa constante proliferación. Os seus autores sinalan, entre outros motivos, que “raras veces ten consecuencias e que quen xestiona as redes rara vez ten interese en atallar ese fenómeno”. Tamén apuntan a que a persoa que exerce a violencia non ten contacto coa vítima e, polo tanto, “non pode ver de primeira man cales son as consecuencias e os impactos destas violencias”. Ademais tamén apuntan á viralización, porque os algoritmos que rexen estas redes potencias a visibilidade de determinadas mensaxes e perfís porque xeran máis visitas.
Outro dos estudos recollido aborda a importancia de deseñar algoritmos que detecten a violencia de xénero dixital. Este proxecto desenvolve sistemas de proceso de linguaxe natural que permiten detectar comentarios machistas en redes sociais e, o tempo, analizar o perfil da persoa vítima, do vitimario ou tipo de comentarios. Como detalla Torres, este prototipo “demostra que a tecnoloxía está dispoñible” e “ten unha aplicación potencial moi interesante e poderosa, que é tomar medidas para evitar ese tipo de violencias. No momento no que existe unha ferramenta que detecta este tipo de comportamentos, pode empregarse para 'banear' eses usuarios e borrar comentarios”.
O libro tamén se ocupa de analizar os motivos polos que hai tan poucas mulleres no eido da enxeñaría e faino a través “dun estudo moi amplo en relación coas carreiras STEM da UVigo realizado en 2020. Os resultados amosan a escasa presenza de mulleres nas enxeñarías, sobre todo nas relacionadas coas TIC e co eido electrónico, pero tamén reflicten que o rendemento académico das mulleres é superior e que á hora de atopar traballo, tardan unha media de seis meses máis cos homes. Unha vez no mundo laboral, as mozas perciben máis discriminación de xénero, consideran menos valorado o seu traballo, teñen menor acceso aos postos máis altos e mellor retribuídos, sofren as consecuencias do teito de cristal... En xeral, detalla Torres, están “máis a desgusto” no seu lugar de traballo e isto é “parte do problema”.
A publicación tamén pon o foco en Instagram e nos perigos sexistas para a mocidade. Neste estudo detállase como se relaciona a poboación máis nova a través desta plataforma e fai unha análise sociolóxica e reflexiva que conclúe que moitas veces a primeira socialización de xénero que ten a xuventude é a través desta plataforma. Advirten as autoras da diferencia entre o tipo de contidos e o xeito de comunicar que teñen nesta rede mozos e mozas. “Mentres eles optan por amosar o quen fan, elas amosan o seu corpo” e isto marca unha diferencia de xénero que non fai máis ca abundar nos estereotipos e nas desigualdades. A isto súmase o feito de que non hai intercambio de ideas, senón que se insiren nun bucle que mestura a identidade real e a identidade aspiracional e, polo tanto, “non se mostran tal como son, mostran o que desexan ser, e isto impide que se dea un intercambio sincero e creativo que dea cabida a persoas con outras formas de estar no mundo, con outras expresións de xénero, identidades ou con outros intereses que non obedezan á norma”, apunta Soledad Torres.
Outras das iniciativas recollidas no libro é o proxecto As mulleres que nos levaron ao espazo, unha experiencia “preciosa” que pode servir como exemplo para “poñer en valor referentes femininos, neste caso no eido da exploración espacial, incluíndo mulleres galegas destacadas neste eido”.
Finalmente, o libro péchase cun estudo sobre a mocidade galega diante da elección de estudos. Tras entrevistar unha mostra de estudantes de 2º de bacharelato, as respostas amosan “non só o sentir da xuventude nunha época na que teñen que decidir que van estudar” e senón tamén “unha serie de recomendación sobre como comezar a contrarrestar os profundos estereotipos que están sesgando a elección de estudos”. Entre as propostas, achegar máis referentes femininos e poñer en marcha políticas de formación do profesorado das materias relacionadas coas STEM para que incorporen unha perspectiva de xénero ao modo no que imparten as clases, de xeito que as mozas que se sintan máis interpeladas e incluídas”.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL