Investigadoras da UVigo reivindican o papel da muller na ciencia no 11F

Publicidad

Eu de maior quero ser profesora; eu de maior quero enfermeira; eu de maior quero ser avogada.... E, por que non un eu quero ser enxeñeira ou eu quero ser investigadora? Na elección dos estudos segue a persistir unha fenda de xénero e uns estereotipos que provocan que as mulleres apenas representen o 32% nas titulacións STEM, as relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, como sucede na Universidade de Vigo. Mentres, o xénero feminino ten maior presenza nas outras ramas do coñecemento, como artes e humanidades (73%), ciencias da saúde (78%) ou ciencias sociais e xurídicas (60%). Para reivindicar a presenza das mulleres como motores no mundo da ciencia celébrase o 11 de febreiro o Día internacional da muller e da nena na ciencia, unha efeméride á que a Universidade se suma coa organización de múltiples actividades tanto por parte das docentes e investigadoras dos diferentes centros como dende a Unidade de Cultura Científica e da Unidade de Igualdade.

Ao longo do día de hoxe, no campus de Vigo celebrouse a sétima edición do programa de obradoiros Elas Fan CienTec para mozas de institutos da contorna, así como a entrega dos premios do concurso para investigadoras do Centro de Investigacións Mariñas Marie Tharp. Na tarde de onte xoves tamén se celebrou unha charla interxeracional entre catro mulleres investigadoras da UVigo e, ao longo da primeira quincena deste mes, tamén se están a desenvolver unha serie de 73 charlas e actividades repartidas por 36 centros educativos de Galicia da man de 35 científicas da UVigo. O campus de Ourense, pola súa banda, tamén se suma á conmemoración desta data coa celebración da feira científica eXXperimenta en feminino este venres no centro da cidade e coa iniciativa Oracle4girls, que terá lugar mañá sábado na ES de Enxeñaría Informática.

A vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, considera que todas estas actividades e iniciativas para celebrar o 11F son moi importantes para, por unha banda, espertar vocacións entre as nenas que están chamadas a converterse nas científicas do futuro e, por outra banda, para visibilizar o traballo das mulleres que traballan nas áreas STEM. “As nosas investigadoras máis novas sexan conscientes de que poden ser investigadoras principais de proxectos, líderes de grupos e/ou centros, de empresas, ou o que se propoñan, ao igual que os homes”, sinala Rubio, que ten claro que o progreso na ciencia require rematar coa exclusión das mulleres investigadoras na toma de decisións e na busca de solucións. Neste sentido, a vicerreitora reivindica o papel pioneiro da UVigo aplicando accións positivas, como a avaliación da produción científica das investigadoras, a concesión de distintivos de igualdade nos centros, a creación de sala de lactación. “Este curso, implementamos, ademais, unha desgravación total de docencia ás mulleres tras o parto, para fomentar que non perdan o ritmo de investigación, logren o sexenios no tempo que lles corresponda e poidan acceder a prazas de titular ou catedrática en igualdade condicións. Só así co tempo seremos quen de acadar igualdade ese desequilibrio que existe na actualidade”, asegura Rubio.

Para a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, “o 11F é un día para reivindicar a importancia de incorporar nenas e mulleres na ciencia, pero tamén resulta un día de celebración da solidariedade interxeneracional entre mulleres con traxectorias pasadas na ciencia e nenas cun futuro esperanzador no ámbito científico”. A directora da Unidade de Igualdade agradece o interese e traballo de investigadoras e docentes da UVigo que estes días, “dun xeito totalmente altruísta e xeneroso”, dedícanse a organizar actividades científicas e tecnolóxicas, co obxectivo de achegar o coñecemento ás nenas e nenos dos centros de ensino público de Galicia, “a fin de rematar coa histórica exclusión sistemática das mulleres dos espazos de coñecemento”. Considera Águeda Gómez que unha ciencia e un coñecemento científico excelente feito por toda a humanidade, e ao servizo de toda a humanidade, “precisa das nenas e mulleres para eliminar os nesgos androcéntricos. As mulleres estamos a mudar o mundo. Conseguimos mudar as formas de mirar e de investigar. Agora vemos e vémonos”.

164 mozas en Elas Fan CienTec

Ao longo da xornada de hoxe, 164 mozas participaron nalgunha das 16 actividades prácticas e manipulativas que tiveron lugar no Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio e nas escolas de Enxeñería Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría de Minas e Enerxía. No Cinbio, as estudantes do IES A Guía, de Vigo, e do IES Pedro Floriani, de Redondela, puideron participar en oito talleres diferentes sobre moléculas, preparación de nanopartículas de ouro, síntese de nanopartículas, enfermidades raras, extracción de ADN da froita, neurocircuítos ou determinación do grupo sanguíneo. A EE Industrial acolleu a un grupo de alumnas do IES Escolas Proval, de Nigrán, que realizaron, guiadas polas docentes da escola, un obradoiro de termografía infravermella e outro de deseño e prototipado. Outra da sedes desta iniciativa foi a EE de Minas e Enerxía, que programou para as alumnas do IES Illa de Tambo, de Marín, talleres de recoñecemento de minerais, a xincana Science Games: Catching Fire e o concurso grupal The Wall. Finalmente, as estudantes do IES Ricerdo Mella, de Vigo, achegáronse á EE de Telecomunicación, onde puideron participar nunha sesión de detectives de imaxes, un taller de programación dun xogo con Scratch e outro de programación web.

Salir de la versión móvil