Investigadores da UVigo avalían técnicas para combater a planta invasora unlla de gato

Publicidad

As administracións públicas, os xestores do territorio e os colectivos ecoloxistas levan décadas buscando as mellores estratexias de loita contra a planta invasora Carpobrotus edulis (unlla de gato), unha especie que xa ten invadido un alto número de ecosistemas costeiros de toda a península ibérica. Ata o de agora non se ten atopado un xeito eficiente de eliminación, polo que a comunidade investigadora segue a desenvolver estudos na procura dunha solución. O Laboratorio de Ecofisioloxía Vexetal da UVigo leva anos traballando neste eido con diversos proxectos sobre o control desta praga, e un deles acaba de ser publicado pola revista Journal of Environmental Management. Asinado polos investigadores da UVigo Noa Núñez-González e Luís González e por Jonatan Rodríguez, actualmente no Institute of Botany of the Czech Academy of Sciences, o artigo céntrase en avaliar a efectividade do control mecánico e da utilización dun inimigo natural especialista, neste caso un insecto herbívoro. O seu estudo conclúe que a combinación de ambos sistemas ou incluso só a inoculación directa do insecto Pulvinariella mesembryanthemi “podería axudar ás estratexias de manexo e xestión desta planta invasora por parte de institucións encargadas de programar actividades de control e erradicación”.

Evitar o contacto co chan, clave para o éxito do control mecánico

A unlla de gato caracterízase por un rápido crecemento clonal e unha gran plasticidade fenotípica, é dicir, a capacidade de variar os seus trazos de acordo coas condicións ambientais. Isto permítelle, como explican os responsables da investigación “ocupar espazos naturais en pouco tempo e desprazar especies nativas”, producindo grandes alteracións no funcionamento dos ecosistemas, xa que “modifica as condicións do solo e xera efectos moi negativos sobre a biodiversidade”.

Ata agora un dos principais modos de actuación para eliminar este especie invasora está sendo o control mecánico, é dicir, o arranque manual ou mecánico que permita desenraizar a planta. Pero este sistema, explican os científicos, pode causar efectos adversos, dado que “a retirada pode aumentar o risco de dispersión de novos fragmentos noutras zonas non invadidas, xa que a planta é quen de sobrevivir e enraizar de novo incluso tras varios meses de ser arrincada”. Por isto, o equipo da UVigo apostou por estudar novas medidas neste proceso de control mecánico. Tras analizar o comportamento das plantas arrincadas sobre unha superficie de area e outra de pedra, concluíron que o xeito óptimo para previr o reenraizamento da planta é colocala sobre unha superficie inerte e evitar a súa conexión co chan. “Este parece ser un método eficaz para reducir a viabilidade despois de pasados dez meses tras arrancala, xa que comprobamos que a planta perdeu totalmente a súa actividade fisiolóxica, o que favorece a súa morte”.

Un inimigo natural

Os científicos tamén probaron a efectividade do uso dun sistema natural, un insecto herbívoro. Para isto, os exemplares arrincados foron inoculados coa cochinilla Pulvinariella mesembryanthemi, que é inimigo natural da unlla de gato, nativo de Sudáfrica pero presente na península ibérica.

Os investigadores avaliaron como os dous factores, tanto o tipo de superficie do solo como o ataque do herbívoro, “afectaron á actividade fisiolóxica e bioquímica dos fragmentos arrincados, á súa supervivencia e á capacidade de reenraizamento, así como tamén algúns parámetros biométricos”. Os resultados amosan que, independentemente do tipo de superficie do solo, “o herbívoro especialista afectou de forma severa aos parámetros estudados da unlla de gato. De forma xeral, o ataque deste herbívoro induciu a activación dos mecanismos de defensa da planta, incluso naqueles individuos con menor actividade fotosintética”. Ademais, engaden, “este insecto reduciu de xeito drástico a biomasa e o volume de material vexetal da planta, favorecendo así a súa descomposición”.

Ademais, constataron que a combinación entre a inoculación de P. mesembryanthemi e a colocación das plantas sobre o solo composto por pedras “acelerou este proceso de descomposición en case dous meses”. Polo tanto, os investigadores conclúen que a combinación do control mecánico e o uso do P. mesembryanthemi, ou incluso só a inoculación directa con ese insecto herbívoro “podería axudar ás estratexias de manexo e xestión desa planta invasora por parte das administracións, xestores e organización que programan actividades de control ou erradicación”.

Salir de la versión móvil