A bordo do buque polar búlgaro Sv Sv Kiril i Metodii RSV, os investigadores Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, membros do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo, chegaron a pasada fin de semana á Base Gabriel de Castilla, en Illa Decepción. Eles, xunto co científico da Universidade de Cádiz, Iván Franco, traballarán ao longo do próximo mes no proxecto Radiant no marco da XXXVII Campaña Antártica do Exército de Terra. A viaxe de máis de 14.000 km ata o continente xeado comezou o pasado domingo 7, para voar dende Vigo a Madrid e alí coller un voo de 13 horas a Santiago de Chile onde, tras unas horas de espera, embarcaron nun terceiro avión a Punta Arenas. Alí, e tras realizar as probas de covid-19, subiron a un avión fretado polo comité polar de Corea do Sur (KOPRI) con destino á base chilena Frei, na illa Rey Jorge, onde agardaba o buque búlgaro que levou os científicos españois ás base Gabriel de Castilla, a onde chegaron a última hora do pasado venres 12.
Agora teñen por diante un mes de traballo nun dos mellores laboratorios naturais do mundo no marco do proxecto Radiant, que ten como obxectivo avaliar o efecto da radiación solar e da temperatura sobre a degradación da biomasa macroalgal en intermareais sedimentarios en Porto Foster, na illa Decepción. Como explica o profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM-UVigo Mariano Lastra, esta é a segunda e última campaña do proxecto, que ten unha duración total de tres anualidades, xa que o último ano dedicarase a procesar as mostras e analizar resultados. Nas próximas catro semanas, ademais de continuar coas mostraxes nas praias que comezaron o ano pasado, realizarán tamén dous experimentos para determinar o efecto do aumento da radiación e a temperatura.
Para o equipo da UVigo esta é a novena campaña de investigación que desenvolven na Antártida, onde xa levaron a cabo proxectos nos anos 2004, 2005, 2009, 2010, 2011, 2016, 2017 e 2023, ademais doutra investigación no estreito de Magallanes. Con todo, cada nova campaña segue sendo única, recoñece Lastra, porque aínda que “a primeira vez que chegas ao Antártico é especial, dende logo, as demais tamén o son, sempre, aínda que de distinta maneira”.
Toda esta traxectoria acumulada en investigación antártica tamén implica unha mellor preparación para enfrontarse ás condicións extremas nas que teñen que traballar, aínda que as campañas se desenvolven durante o verán antártico. “Unha vez que tes certa experiencia”, recoñece Lastra, “xa sabes ao que te enfrontas e non hai tanta incerteza nin sensación de aventura como a primeira vez, e isto permíteche centrar a túa atención noutros aspectos, como visións e reflexións que a primeira vez non puideches experimentar por ter os sentidos saturados coa espectacular contorna antártico”.
Respecto a traballar nunha contorna extrema coma esta, con temperaturas que nos últimos días oscilaban entre os 0 e os 4 grados, Lastra considera que non se dan desafíos especiais. “Os protocolos de seguridade son moi estritos e os militares da base están sempre pendentes de nós e de que non nos falte apoio para levar a cabo o noso traballo”. O único aspecto que pode ser “un pouco comprometido”, sinala, é a navegación en zodiacs entre os distintos puntos de mostraxe, “que ás veces é un pouco delicada cando nos pilla mal tempo”.
O proxecto Radiant é un dos 30 que foron seleccionados para formar parte da XXXVII Campaña Antártica coordinada polo Exército de Terra que botou a andar o 1 de xaneiro coa chegada dos primeiros equipos á base Gabriel de Castilla. A investigación viguesa céntrase nos depósitos de macroalgas procedentes do substrato rochoso depositadas sobre a liña de costa polas correntes e mareas, que funcionan como xeradores de numerosos procesos ecolóxicos asociados á súa descomposición, incluíndo o consumo, o subministro de hábitat e a actividade bioxeoquímica do sedimento. O obxectivo é cuantificar estes procesos en dez praias ao longo do litoral de Porto Foster e avaliar o seu efecto sobre a liberación de nutrientes e a emisión de CO2 a través do sedimento, como estimador da actividade metabólica do substrato.
Nesta nova estadía replicarán as mostraxes realizadas o ano pasado, na primeira campaña do proxecto, ao longo do arco da baía e ademais realizarán outros dous experimentos, un de manipulación do medio natural e outro en condicións de mesocomos en laboratorio. No primeiro deles, empregaranse filtros selectivos de radiación UVA/B para valorar a hipótese de que o incremento na radiación UV incidente debida á apertura do buraco de ozono provocará alteracións dos procesos de descomposición da biomasa macroalgal acumulada nos intermareais sedimentarios de Porto Foster. O experimento en mesocosmos, pola súa banda, permitirá estudar os efectos da alteración da UVR sobre os consumidores primarios. Para isto analizarase a taxa de consumo do anfípodo herbívoro Gondogeneia antarctica (Chevreux, 1906) sobre fragmentos de dúas especies de macroalgas antárticas, Palmaria decipiens e Desmarestia antárctica, que previamente serán irradiadas con exceso de UVA e UVB.
Tras uns primeiros días para organizar e preparar o material, este luns o equipo do CIM comezou co proceso de busca de macroalgas ao longo da praia de Fumarolas. Dada a época do ano, inicialmente atoparon poucos exemplares en bo estado que puidesen ser empregados nos experimentos previstos, polo que a mostraxe mantense durante estes primeiros días. Paralelamente realizaron tamén as probas de acendido das lámpadas de UV-A e UV-B que se utilizarán nos experimentos de herbivorismo previstos e o martes tamén colaboraron na instalación dunha base sísmica na baliza situada en Fumarolas sur xunto con varios membros da dotación da Base Gabriel de Castilla. Nas últimas horas realizaron a instalación dos sistemas necesarios para a realización dos experimentos no areal de Fumarolas
Tras analizar durante varios meses as mostras e os datos obtidos na campaña antártica de 2023, os investigadores do CIM puideron determinar que as algas sometidas a un exceso de UV reducen a súa taxa de descomposición e mineralización bacteriana, cun efecto antagónico da temperatura, que provoca un incremento substancial da taxa metabólica do substrato ante incrementos de temperatura no rango previsto polo IPCC para o noroeste da península ibérica, de entre 0.5 e 1 C na próxima década. Ademais, en colaboración cos integrantes do proxecto Erupting, Antonio Polo e Antonio Caracausi, tomáronse mostras do gas emitido nas distintas praias co obxectivo de analizar a firma isotópica do CO2 para determinar en que proporción as emisións medidas teñen orixe volcánico ou biolóxico, algo de grande interese nunha contorna volcánica como é a da illa Decepción.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL