A Deputación de Pontevedra, a través da súa Oficina de Transformación Comunitaria (OTC DEPO), organiza este mércores 10 de setembro o Congreso de Comunidades Enerxéticas no Centro de Servizos e Apoio Empresarial do Polígono de Barro.
A xornada pretende achegar a técnicos, empresas, asociacións e á poboación en xeral esta nova forma de produción enerxética comunitaria, máis limpa e tamén máis barata. No Congreso participarán persoas expertas de referencia, representantes de comunidades xa en marcha que contarán a súa experiencia, haberá tamén obradoiros prácticos e espazos de networking.
No marco desta cita, o deputado de Acción Comunitaria da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, explica nesta entrevista o que supón +Renovables e o labor que está a desenvolver a OTC DEPO.
Pregunta (P). Que é +Renovables e por que nace esta iniciativa dende a Deputación?
Resposta (R). +Renovables é unha aposta do goberno do presidente Luis López na Deputación de Pontevedra pola enerxía limpa, local e participativa. A idea nace para axudar á cidadanía e ás entidades a dar os primeiros pasos na creación de comunidades enerxéticas, poñendo todos os medios ao seu alcance.
P. Que papel xoga a OTC DEPO neste impulso ás comunidades enerxéticas?
R. A Oficina de Transformación Comunitaria é a ferramenta para acompañar, informar e formar a todos os axentes interesados. Funciona como unha ventá única: achegámonos aos concellos, asesoramos, resolvemos dúbidas e ofrecemos apoio técnico e xurídico.
P. Que nos din es estudos que están a realizar?
Confirman o que xa intuíamos: hai un enorme potencial en toda a provincia para poñer en marcha comunidades enerxéticas que melloren a eficiencia e reduzan custos.
R. Nestes primeiros meses levamos xa máis de 90 asesoramentos realizados a concellos, comunidades de montes, comunidades xa constituídas e cidadanía. Este nivel de demanda reflicte que existe unha preocupación real pola enerxía e moitas gañas de participar activamente no cambio de modelo.
P. Cantos estudos se teñen elaborado?
R. Realizamos xa preto 40, que demostran que hai espazo e capacidade para poñer en marcha proxectos enerxéticos en boa parte da provincia. Estamos a detectar cubertas, equipamentos públicos e redes de persoas dispostas a implicarse, o que confirma o enorme potencial que temos diante.
P. Como pode participar un veciño ou veciña de Pontevedra nunha comunidade enerxética?
R. É tan sinxelo como poñerse en contacto coa OTC DEPO. Atoparanos no Viveiro de Empresas de Barro, a través da nosa web e teléfono de contacto, ou nas xornadas de difusión que realizamos en cada concello. A partir de aí, axudámoslle a coñecer os pasos, buscar aliados e deseñar os proxectos.
P. Que mensaxe lle lanzaría aos concellos ou colectivos que aínda non se achegaron á oficina?
R. Somos un goberno municipalista que está batendo récords en cifras de investimento nos concellos. Isto non é unha excepción Dicímoslle que non deixen pasar esta oportunidade. As comunidades enerxéticas son unha ferramenta para aforrar, gañar autonomía e mellorar o territorio. Estamos aquí para acompañar, sen custe, e xa temos exemplos que están a dar resultados.