A Xunta de Galicia autorizou hoxe na reunión do Consello iniciar a tramitación do expediente de contratación do novo centro de saúde do Concello de Moaña. Semanas despois da aprobación do acordo polo que o Goberno galego aceptaba a cesión do terreo de 2.067 m² propiedade do Concello de Moaña, e cumprido o período de exposición pública deste acordo, a Xunta procederá á licitación, por un importe de 9,3 millóns e un prazo de execución de 18 meses, do contrato de obra desta nova e necesaria infraestrutura sanitaria para o municipio. Tras o acordo de hoxe, o Servizo Galego de Saúde procederá á aprobación do expediente de contratación e de gasto, ao cal seguirá a licitación do contrato, a valoración das ofertas e a adxudicación das obras, pasos previos á execución do novo centro de saúde.
Actuacións excepcionais do Sergas ante a necesidade da dotación
Dada a importancia desta actuación e de xeito excepcional, aínda sen ter transferida a parcela, o Sergas licitou en decembro de 2020 a redacción do proxecto básico e as prestacións opcionais de redacción do proxecto de execución e da dirección de obra do novo centro de saúde. Aínda á espera da cesión da parcela, en xaneiro de 2022, a Xunta encargou a elaboración do proxecto de execución do centro, xa supervisado e aprobado polos servizos de obras do Sergas. Así, unha vez aceptada a parcela cedida polo Concello o pasado agosto, a Xunta estaba en disposición de licitar a obra pero os termos do acordo plenario municipal obrigaban a agardar a un proceso de exposición pública de 20 días.
Agora, cumprido xa o compromiso de cesión de terreos adquirido polo Concello no convenio asinado en febreiro de 2020, a Xunta asume o de edificar, sobre o terreo cedido, un novo centro de saúde para Moaña tomando como base o documento do Plan de necesidades sanitarias para Cangas e Moaña, presentado en xuño de 2018 e que proxectaba dúas novas infraestruturas: un centro integral de saúde para Cangas, na zona da Rúa (que unificaría a atención ás urxencias dos dous concellos nunha zona accesible para ambos), e un novo centro de saúde en Moaña, na parroquia de Sisalde.
Incremento considerable de superficie e espazos
Este novo centro de saúde substituirá o actual, situado na Casa do Mar, e contará con máis de 3.500 m2, o que duplica a superficie do actual. O centro proxectado incrementa de xeito considerable o número de espazos respecto do actual. En total, segundo o Plan funcional, contará con oito consultas de medicina, seis de enfermaría, unha de matrona, sala de toma de mostras, sala de técnicas, seis salas polivalentes, dúas consultas de pediatría, dúas salas de enfermaría pediátrica e dúas salas polivalentes de pediatría. Tamén contará cun despacho de coordinación, unha sala de educación sanitaria e áreas bucodental, de fisioterapia, así como un despacho para o traballador social e unha sala de telemedicina e ecografías.
Tal e como se comprometera a Xunta co Concello de Moaña, as salas polivalentes situadas na planta baixa poderán ser usadas como punto de atención continuada namentres non se poña en marcha o PAC unificado previsto no futuro centro integral de saúde do Morrazo, do que aínda se segue á espera de cesión de parcela por parte do Concello de Cangas.
A construción desta nova dotación en Moaña, xunto coas tres prazas en propiedade que se cubrirán no centro grazas á convocatoria de prazas de facultativo especialista en atención primaria aberta pola Xunta este ano, permitirán dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación con actuacións que permiten mellorar as infraestruturas e dotacións dedicadas á atención asistencial da cidadanía no concello.
A construción deste novo centro de saúde en Moaña inclúese dentro do Plan de infraestruturas sanitarias de atención primara da Xunta que aprobou o Consello en outubro de 2021 e que centra as prioridades a curto e medio prazo da cobertura sanitaria á poboación galega, priorizando tamén os investimentos e axilizando os trámites.
Concretamente, o novo centro de saúde de Moaña inclúese na fase 0 deste plan de infraestruturas, dentro da que xa se licitaron a obra do CIS Olimpia Valencia de Vigo e os proxectos do Centro Integral de Saúde de Ourense, dos centros de saúde de Abegondo, Antas de Ulla, A Rúa e Vilagarcía de Arousa, así como da reforma do centro de saúde compostelán de Conxo. Por outra banda, asinouse o convenio co Concello da Coruña que encomenda á Administración local a licitación do proxecto de construción dun novo inmoble en que situar o centro de saúde de Santa Lucía.