Un total de 1.149 alumnos e alumnas participarán esta semana nos tres campus da Universidade de Vigo na convocatoria extraordinaria das Probas de Acceso á Universidade, ABAU 2023. Segundo os datos facilitados pola Comisión Interuniversitaria de Galicia, CIUG, o campus no que se examinarán máis estudantes é o de Vigo, con 652mozos e mozas matriculadas, seguido do de Ourense, con 264 estudantes -246 no campus e 18 no IES Cosme López Rodríguez de A Rúa- e 233 no campus de Pontevedra.
No campus de Vigo os alumnos e alumnas repartiranse entre a Facultade de Filoloxía e Tradución (226), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (216) e o edificio de Ciencias Experimentais (210); mentres que en Ourense a cita será nas facultades de Historia e Traballo Social e, en Pontevedra, os exames concentraranse na Escola de Enxeñaría Forestal.
Mesma estrutura que na convocatoria ordinaria
As probas prolongaranse desde mañá martes ata o xoves e terán un calendario e unha estrutura practicamente igual á convocatoria ordinaria, celebrada do 6 ao 8 de xuño. Así, a xornada arrancará ás 09.00 horas cunha presentación previa á realización do exame de Historia de España, que se iniciará ás 10.00 horas. Seguiralle o de Lingua Castelá e Literatura, ás 12.00 horas, e, xa pola tarde, serán os das primeiras materias de modalidade, a escoller entre Matemáticas e Latín (16.00 horas) e Economía da Empresa e Deseño (18.00 h).
Os resultados das probas daranse a coñecer o vindeiro mércores 19 de xullo. As cualificacións constan dunha primeira parte sobre 10 puntos que se obtén sumando o 60% da media do bacharelato e o 40% da media dos cinco exames que constitúen a fase obrigatoria. Ademais, pódese chegar a alcanzar os 14 puntos examinándose das materias da denominada parte voluntaria, para o cal se teñen en conta os denominados factores de ponderación, que son distintos en función do grao no que o estudante se queira matricular.
Preinscricións do 19 ao 21 de xullo
O prazo para preinscribirse nas diferentes titulacións do SUG manterase aberto do 19 ao 21 de xullo. Unha vez admitido/a na titulación desexada, a Universidade de Vigo abrirá un cuarto prazo de matrícula o 25 e 26 de xullo, e un quinto do 29 ao 31 deste mesmo mes. O sexto chamamento á matrícula será do 2 ao 4 de setembro.