Marea de Vigo vén de solicitar ao RC Celta que "recapacite" despois de que se coñecera que os socios e socias do club contarían coa posibilidade este xoves de adquirir entradas en prevenda para o concerto de Muse no estadio de Balaídos. "Deberían recapacitar xa que a cidade está facendo un importante esforzo e investimento de recursos públicos para que se teña un campo en condicións", afirma o portavoz da formación, Rubén Pérez.
Dende o grupo de esquerdas destacan que tanto Concello de Vigo como Deputación “están deitando moitos recursos públicos, máis de 40 millóns de euros, para a rehabilitación e reforma dun espazo que o Celta utiliza de xeito exclusivo cun custo simbólico" para que agora o equipo de Carlos Mouriño "reserve un 30% das entradas para persoas socias". "Non nos parece de recibo", lamentan para lembrar que o estadio é "un edificio público de titularidade municipal".
Igualmente, Marea de Vigo recalca que “esta non é a senda para recuperar o diálogo entre o club e o Concello, nun momento no que ademais sería moi importante restaurar o consenso que existiu hai poucos anos sobre o pago dun canon de non máis de 800.000 euros anuais pola explotación do estadio, o aparcadoiro así como os comercios que se proxectaban arredor”, explica Pérez.
Marea de Vigo non concorda con esta actitude do Celta e así llo trasladará ao Presidente da entidade solicitándolle que recapaciten sobre a decisión. “Pode resultar o concerto máis relevante que se ten feito na cidade en moitos anos e cremos que é preciso reconsiderar esta maneira de facelo”, conclúe o portavoz do Grupo municipal.