Marea de Vigo cree que hai que emendar profundamente o modelo de axudas á contratación do asociacionismo vigués para evitar que as asociacións contraten previamente sen ter garantía explícita de que as axudas finalmente serán aprobadas, xa que algunhas asociacións veciñais subscriben préstamos e créditos e por diversos motivos, como na situación actual, pode que os recursos dos Plans de Emprego acaben non chegando.
Marea de Vigo pide centralizar en listas abertas e transparentes e bolsas de contratación municipal con acceso mediante proba teórica e práctica á que o asociacionismo vigués recurra para pedir perfís e necesidades concretas. “Non se pode garantir transparencia e igualdade no acceso aos postos de traballo ofertados simplemente coa publicación nun taboleiro da propia asociación” matiza Rubén Pérez. “Deste xeito – prosigue - , sempre sería o propio concello o contratante e evitaríase o adianto de recursos e a responsabilidade contratactual da entidade social que en ocasións xerou débedas coa Seguridade Social do movemento veciñal e polo tanto a súa inhabilitación para pedir subvencións ou formalizar convenios coas administracións públicas”.
Igualmente, Marea de Vigo pide ao Concello que remita un escrito a todas as asociacións veciñais, culturais, deportivas ou sociais que figuran no rexistro do concello para que indiquen a súa situación actual derivada da crise da COVID19 para garantir con recursos públicos axudas para o seu mantemento. “Hai que prever unha caída nos ingresos por persoas asociadas, por ingresos de actividades que non se poden realizar pola situación de alarma e outras eventualidades que van a prolongarse mesmo despois do levantamento do estado de alarma”. “Se antes era necesaria, agora faise imprescindible artellar unha Ordenanza Reguladora da concesión de subvencións públicas que clarifique a diferencia de criterios cos que a fórmula de convenio empregada polo Concello con entidades sociais e veciñais opera á hora de subvencións públicas de actividades ou mantemento do tecido social da cidade”. Neste sentido, Marea de Vigo apoia a petición trasladada ao Goberno local por parte da Federación Veciñal Eduardo Chao.
Esta Ordenanza, segundo a Marea de Vigo, tería que blindar e democratizar a concesión de axudas ou subvencións por parte do Concello de Vigo ao movemento veciñal do municipio e asociacións ou entidades sen ánimo de lucro para o fomento de iniciativas e actividades de utilidade pública ou interese social que complementen ou suplan as competencias municipais nas súas distintas áreas. Entendendo por subvención toda disposición dineraria do Concello de Vigo realizada tanto con carácter anual como de forma puntual, a favor de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen ánimo de lucro, sen contraprestación directa dos/as beneficiarios / as, destinada a fomentar unha actividade de utilidade pública ou de interese social ou para promover a consecución dun fin público.