Milleiros de persoas saen á rúa para advertir sobre a "emerxencia lingüística extrema" do galego

BNG

Miles de persoas e colectivos políticos, sindicais e asociacións de diferente índole manifestáronse este domingo en Santiago para defender o galego ante a "emerxencia lingüística extrema" e para "dar outra lección de dignidade ao Goberno galego".

Convocada pola Plataforma Queremos Galego --que agrupa a 600 colectivos sociais--, a manifestación, cuxo lema era 'Lingua vital xa!', partiu ás 12:00 horas desde a Alameda compostelá e percorreu as rúas até chegar á Praza do Obradoiro, onde se leu un manifesto.

En declaracións aos medios antes de iniciar a protesta, o portavoz da plataforma convocante, Marcos Maceira, asegurou que este domingo a sociedade galega "vai dar outra lección de dignidade ao Goberno galego".

Ademais, destacou que fronte á mobilización que houbo en novembro, o goberno decidiu reaccionar "pero só en aparencia". Neste sentido, sinalou que convocaron unhas comisións "con absoluta opacidade".

"O Goberno galego se quere reaccionar, se quere tomar medidas, sabe moi ben o que ten que facer. Para comezar, cumprir e mostrar a vontade de cumprimento dos acordos que están tomados. E en segundo lugar, abrir un proceso amplo, un proceso plural, un proceso participativo", reivindicou Maceira.

"Punto e aparte"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este domingo que a manifestación celebrada en Santiago para defender o galego "ten que significar un punto e aparte para deixar atrás as políticas lingüicidas do PP".

En declaracións aos medios antes de iniciar a marcha, Pontón pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "que deixe de negar a realidade, que deixe de manipular os datos oficiais e que escoite o clamor que sente Compostela a favor do galego".

"Hoxe é o día de Rosalía, o día no que os galegos e as galegas celebramos o orgullo de ter unha lingua propia. Estamos aquí un país enteiro en pé para defender que queremos seguir vivindo en galego", aseverou.

Con todo, lembrou que en Galicia "xa hai un gran acordo pola lingua, o Plan Xeral de Normalización Lingüística que rompeu o PP".

"Mensaxe clara dos e das galegas"

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu  a importancia de “protexer, preservar e potenciar o galego”. Momentos antes de que a manifestación da plataforma Queremos Galego botase a andar desde a Alameda compostelá, o líder socialista asegurou: “Non temos futuro como país se non defendemos o noso idioma”.

Besteiro insistiu en que a mobilización da sociedade galega “non é contra niguén, senón a favor da lingua, e, sobre todo, é unha mensaxe clara” á Administración que ten a competencia nesa materia, “e especialmente ao PP”. Por ese motivo invitou a Rueda “a escoitar o que os galegos e as galegas dicimos hoxe, que hai que protexer o noso idioma”. Ao mesmo tempo, invitou a toda a cidadanía a “facelo no día a día”, non só en ocasións como a marcha deste mediodía na capital de Galicia.

Salir de la versión móvil