Por terceiro verán consecutivo, Moaña acollerá o Congreso Internacional de Xeopolítica Participativa e Diversidade. Esta iniciativa, organizada pola Universidade de Vigo, a de Santiago de Compostela, a Universidad Complutense de Madrid, Amnistía Internacional e o Concello de Moaña, celebrarase os días 4 e 5 de xullo co obxectivo de reunir a académicos, líderes sociais, responsables políticos e membros da sociedade civil para dialogar sobre as conexións entre xeopolítica e diversidade.
A presentación oficial deste evento tivo lugar este martes no concello moañés, nun acto no que participaron a alcaldesa, Leticia Santos, os profesores da UVigo Maribel Doval e Breixo Martins, o catedrático da USC Rubén Lois e o tenente de alcalde, Daniel Costas.
Como explicaron os organizadores, durante as dúas xornadas “exploraremos, a través de relatorios, mesas redondas e talleres, temas como o impacto dos conflitos internacionais nas comunidades marxinadas, o papel da diversidade na construción de políticas exteriores inclusivas e a maneira en que os dereitos humanos universais deben integrarse no deseño de estratexias xeopolíticas”. Dende as entidades implicadas remarcan que “este congreso aspira a ser un espazo transformador, onde as voces das comunidades diversas sexan protagonistas na construción dun futuro global máis equitativo e solidario”.
A aposta por unir xeopolítica e inclusión é un dos aspectos máis singulares deste congreso, cun enfoque integral que pon de manifesto que “as relacións entre nacións non só se determinan en encontros diplomáticos ou campos de batalla, senón tamén nos compromisos diarios con temas como a xustiza social, o desenvolvemento sostible e a inclusión”. Neste senso, engaden os organizadores, “a diversidade, a inclusión e a sustentabilidade non deben ser concibidas como apéndices ao final das estratexias europeas e internacionais, senón como eixos fundamentais que definan o deseño e a implementación destas políticas. Só con este enfoque transformador será posible construír un sistema europeo e global que sexa verdadeiramente equitativo, resiliente e capaz de responder aos desafíos do século XXI”.
As entidades organizadores do Congreso Internacional de Xeopolítica Participativa e Diversidade subliñan varios aspectos que fan deste simposio un evento “diferente”. Un destes elementos distintivos é a participación real da sociedade no proceso científico e académico. “Cremos nun modelo innovador de investigación colaborativa que traspasa as liñas tradicionais deste tipo de iniciativas” e “o noso traballo estrutúrase nun proceso co-creativo que une entidades sociais, administracións, organizacións locais e internacionais cun equipo multidisciplinario de investigadores e facilita o diálogo e o intercambio de coñecementos entre as partes, asegurando que as investigacións respondan ás necesidades reais da sociedade”.
Deste xeito, terán un papel destacado no evento tanto o alumando como as institucións públicas. No primeiro caso, dende a organización explican que o sistema educativo “ten un papel central na configuración de sociedades máis xustas, inclusivas e preparadas para enfrontar os desafíos globais”, fomentando “o pensamento crítico, desenvolvendo habilidades e formando cidadáns conscientes do seu papel no mundo”. No congreso, isto tradúcese na participación activa do estudantado do sistema educativo nas actividades sempre ao mesmo nivel que académicos e profesionais.
No que se refire ás institucións, o obxectivo é “mostrar a realidade das entidades que traballan na nosa contorna no contexto internacional para desmitificar que a política internacional sexan guerras e conflitos e amosar que tamén existen políticas e estruturas ilusionantes e innovadoras”. A finalidade é “achegar a cidadanía á realidade das estruturas de cooperación e ás súas iniciativas e proxectos que, en suma, son tamén nosos”. Para isto, o congreso contará coa participación de responsables institucionais para describir as súas entidades, obxectivos e proxectos máis ilusionantes”, entre eles, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares ou representantes de Down Galicia ou Amnistía Internacional.
A proposta deste terceiro congreso artéllase arredor de cinco conceptos básicos: territorio, inclusión, internacional, diversidade e sustentabilidade. “A nosa análise céntrase sempre no territorio, entendido como o espazo vivido e habitado por sociedades que aspiran a ser máis diversas, inclusivas e sostibles. Nesta visión, a ciencia e a investigación non son alleas aos problemas sociais, senón que se converten en axentes activos de cambio”.
Así, esta terceira edición do congreso terá como eixos temáticos a xeopolítica, a participación cidadá e a diversidade, “entendendo esta de forma ampla e social”. As mesas redondas e relatorios abordarán contidos relacionados coa diversidade étnica, a diversidade cultural, a diversidade lingüística, o xénero, as discapacidades, a inclusión e a mocidade. A inscripción no congreso é gratuita e realizarse mediante o seguinte enlace (premer aquí).
Aspira a ser un espazo transformador no que dar voz a protagonistas da construción dun futuro global
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL