Mos ofrece composteiros de balde para fomentar a reciclaxe

Publicidad

O Concello de Mos vén de informar da dispoñiblidade de composteiros para os veciños e veciñas interesados despois de ter rematada a lista de espera para facerse con un. As persoas que queiran solicitalos deberán facelo a través do Rexistro municipal, ben presencial ou ben telemáticamente a través da Sede Electrónica do Concello.

Estes composteiros sonlle concedidos ó Concello de Mos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, dependente da Consellería de Medioambiente, de xeito totalmente gratuito. O Concello entrégallos aos veciños solicitantes a domicilio cun manual de uso e unha explicación técnica para o seu correcto emprego, e fáiselles unha revisión anual do composteiro para garantir o correcto funcionamento do mesmo.

O reparto dos composteiros faise a domicilio dos beneficiarios, unha vez alí, instalánselles e se lles explica como empregalos correctamente; e entregáselles ademais un manual de uso para consultar posibles dúbidas.

Cos composteiro reutilízanse restos de materiais orgánicos de orixe vexetal dando lugar a que a porcentaxe de residuos sometidos a tratamento final sexa menor o que supón unha gran vantanxe ambiental, económica e social. Ademais tamén permite ós particulares en posesión dun composteiro eliminar ou, polo menos minimizar, o uso de fertilizantes químicos como abono; e reducir o número de viaxes ós contedores para levar o lixo, posto que case a metade do lixo que se xera nos fogares galegos está formado por materia orgánica.

Cos composteiros existe a posibilidade de transformar a materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. A compostaxe é unha práctica tradicional en Galicia, consistente na separación dos residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando.

A compostaxe doméstica é un proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas. O composteiro é un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos como para extraer o abono resultante. A súa función é a de manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso.

Para obter un bo compost o mellor é utilizar unha grande variedade de materiais, tendo en conta que canto máis triturados estean, maior será a rapidez da súa descomposición e fermentación. No composteiro pódense depositar froitas e verduras, cascas de ovo, arroces e pasta cocidos, pan, pousos de café, té e infusións, cinzas e serrín, papel, cartón, xornais, restos de poda e de recolleita da horta, esterco de animais herbívoros, pó e peluxe do aspirador, pelos, teas naturais e plumas.

Dada a asúa condición de produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, o compost actúa en moitos casos como bactericida e funxicida; e é un excelente abono contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades.

Salir de la versión móvil