Mos presenta unha nova senda peonil e un carril bici no seu "Plan Mos Humanizado"

Publicidad

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou este martes que o Concello seguirá dando pasos no “Plan Mos Humanizado”, que se iniciou na pasada lexislatura. A rexedora local mosense informou de que os proxectos previstos a curto prazo terán financiación tanto municipal como supramunicipal, optando a subvencións de outras administración para que o custe se asuma entre axudas da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

Entre as novas actuacións, destaca a senda peonil de Dornelas, que permitirá completar a de Torroso facendo que esta sexa circular, a construción de beirarrúas de Sobráns a Louriñó e un carril bici na estrada entre o Alto de Barreiros, en Torroso, até a Capela de Santiaguiño.

A Senda Peonil en Dornelas transcorrerá dende o IES de Mos ata as instalacións de ASODIFISI (Asociación de Discapacitados Físicos e Psíquicos de Mos) en Torroso, percorrendo as parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso. Actuarase nunha lonxitude de quilómetro e medio sobre os camiños da Gándara, Porselo e Pedreira. Proxéctase unha nova senda integrada na contorna, e executada a nivel da rasante viaria, ampliando a plataforma. Será de pavimento de xabre compactado con cemento branco e pavimento de formigón cor gris.

Pola súa parte, construiranse beirarrúas de Sobráns a Louriñó, como continuación do trazado de beirarrúas para mellora da mobilidade peonil na estrada Louriñó-Sobráns. A actuación desenvolverase ao longo de dous quilómetros, partindo desde o Centro Cultural de Guizán cara ao cruzamento coa Estrada Puxeiros-Mos.

Por último, o carril bici desde a rotonda de Alto de Barreiro (en estrada Puxeiros-Mos) ata a Capela de Santiaguiño (Estrada Peinador-Os Valos) trátase dun carril de 3,5 km de desenvolvemento pola marxe esquerda. A actuación pretende mellorar as circulacións deste vial, incluíndo proteccións para as zonas de cruzamento de peregrinos, así como a posta en valor dos elementos patrimoniais como o Cruceiro dos Cabaleiros.

Salir de la versión móvil