Sen saír do guión pactado fai case dous anos, Movemento Salceda e PSdeG-PSOE veñen de certificar o relevo na Alcaldía de Salceda de Caselas no ecuador da lexislatura e como “feito de normalidade democrática” no “proxecto compartido” por ambas formacións políticas.
Ambos partidos firmaron despois das eleccións de maio de 2019 un pacto de Goberno de coalición no que a alcaldía sería compartida, cos dous anos iniciais para Loli Castiñeira, de Movemento Salceda, e os dous anos finais para Verónica Tourón, do Partido Socialista. Agora, chegado ese momento, o 15 de xuño ás 12:00 horas terá lugar o pleno no que se producirá o relevo, “cumpríndose exactamente dous anos”.
Nunha rolda de prensa conxunta, ambas líderes políticas explicaron que como “xente de palabra” buscan erixirse como un “exemplo de normalidade democrática”. O comunicado común pon en valor o “proxecto compartido dunha maioría de esquerdas” en Salceda.
Loli Castiñeira, a rexedora saínte, sumará agora as responsabilidades de Vías e Obras, que até agora dependían de Miguel González, que queda con Parques e Xardíns, Servizos Municipais e Mobilidade. O resto de concellerías e responsabilidades manteranse sen cambios. O Goberno continuará traballando con normalidade priorizando o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable no que se apoian as humanizacións ou a primeira Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello.
Castiñeira, quen destacou que “fomos quen de dar exemplo” nun reto a nivel persoal no que destacou o “apoio mutuo” entre os integrantes de ambas formacións e no eido político no que “a pesares de ter vivido unha das situacións mais complexas nas nosas vidas como é a chegada da Covid, foi un ano no que nos dedicamos a loitar polo benestar da veciñanza”. Castiñeira louvou tamén a actitude do Partido Popular na oposición durante a xestión dos temas relativos á Covid-19 e a xestión da mesma a nivel municipal.
A líder socialista e futura alcaldesa, Verónica Tourón, destacou o fito de ter aprobado tres orzamentos consecutivos e puxo en valor “ser capaces de chegar a acordos para que a vida dos veciños e veciñas mellore”.
Nas pasadas eleccións o Partido Popular logrou 2.273 votos e seis concelleiros, Movemento Salceda sumou 1.481 votos e catro actas e PSdeG-PSOE acadou 1.036 votos e tres edís. Ambas formacións de esquerda asinaron un acordo por catro anos para pactar un Goberno de maioría no que a Alcaldía mudaría no ecuador da lexislatura. Un cambio que agora se fai explícito.