Néstor Rego (1962) é a voz do BNG no Congreso dos Deputados. A repetición electoral en outubro de 2019 foi chave para que a fronte nacionalista regresase a Madrid tras catro anos de ausencia. Curiosamente, a conquista da acta por A Coruña foi en detrimento de VOX. Con case a metade da lexislatura expirada e en plena semana de celebración polo 25 de xullo, o deputado galego fai unha parada en Metropolitano.gal para abordar as problemáticas de Vigo e a súa comarca e os retos que ten o BNG en Madrid no que queda de mandato.
Achegándonos ao ecuador da lexislatura gustaríame que brevemente fixera un balance da experiencia no Congreso dos Deputados.
Creo que con todas as dificultades e coa situación peculiar deste tempo, a valoración é positiva. Que o BNG recuperase hai case dous anos a representación no Congreso supuxo un punto de inflexión, supuxo recuperar a capacidade do noso país de falar con voz propia e con independencia de criterio, para defender os intereses de todos os galegos e galegas. O demostramos no acordo de investidura, no que conseguimos desbloquear a axenda galega e dar solución a problemas que levaban décadas esperando. Outra cousa é que o Goberno se resista a cumprir ese acordo, pero aí estamos nós e o conxunto da sociedade galega para lembrarllo e reclamarllo. Cumprimos o noso compromiso, porén estamos convencidos de que con maior forza para o BNG mellor lle iría ao noso país.
Nesta segunda metade de lexislatura, que puntos vermellos ten o BNG para apoiar ao Goberno de coalición formado por PSOE e Podemos?
O primeiro que debo aclarar é que nós apoiamos a investidura de Pedro Sánchez, pero non temos ningún compromiso de apoio co Goberno. De feito, como, nunha cuestión fundamental para calquera goberno como é a aprobación dos Orzamentos, nós votamos en contra, xa que non podíamos ser cómplices dunha decisión negativa para Galiza. Nun contexto de orzamentos expansivos, cun investimento que sobe no Estado español por riba do 68%, na maioría das comunidades autónomas por riba do 45%, que en Galiza baixe 11% e inda por riba perdamos 104 millóns de euros en relación cos últimos orzamentos do PP, non é aceptable.
Nestes últimos meses saltaron moitas novas e feitos que salpicaron directamente a Galicia, por poñer exemplos, o traspaso da AP9, o proxecto de creación dunha universidade privada en Galicia ou a sentenza contra a prórroga de ENCE na Ría de Pontevedra. Con todos estes temas sobre a mesa, que celebran e que condenan dende o BNG este 25 de Xullo?
É evidente que a rebaixa da AP-9, malia que se estean facendo esperar, son unha boa noticia, e destacar que foron grazas a que o BNG incorporou isto no acordo de investidura. Isto supón que por primeira vez en máis de 40 anos en que a tendencia foi a subir permanente e abusivamente as peaxes, esta é a primeira ocasión en que esa tendencia se inverte: van baixar, haberá descontos, libérase o tramo Vigo – Redondela, e só queremos reclamar ao Goberno que cumpra canto antes. Tería que haber sido o día 1 de xaneiro, eles dixeron que a mediados de ano, pero xa pasamos de mediados de ano e agardamos que o fagan canto antes. En relación coa Universidade impulsada por ABANCA, é una mala noticia para o noso país porque é privilexiar institucións de índole privada, cuxo obxectivo é xustamente o lucro, e cun ensino elitista fronte ao apoio que una administración pública como a Xunta debería dar universidade pública. O BNG se opuxo ao proxecto desa universidade, xunto a outros colectivos que se integraron na plataforma pola defensa de un ensino público. Sobre ENCE, nós cremos que é una boa noticia. No acordo de investidura tamén incorporamos o aspecto de ENCE fóra da Ría. Finalmente isto vai acontecer a partir dunha resolución xudicial, polo que penso que xa é imparable e unha demanda con toda a lóxica do mundo, posto que é una empresa que pode ter una localización diferente e non ten porque estar en dominio público, condicionando á resignación ambiental e produtiva da Ría de Pontevedra. Nós preocupámonos porque se manteña a actividade económica e os postos de traballo, e dicimos que tamén é unha oportunidade, se ENCE realmente quere, para que neste ámbito de produción de papel se poidan completar os ciclos produtivos e por tanto no só manter os empregos que hai, senón tamén aumentalos. Pero ademais, unha empresa privada como ENCE non debe condicionar a política forestal dun goberno, que é o que está acontecendo.
Hai uns días saltou a nova de que o tramo Vigo – Redondela será de balde pero con condicións. Cal é a postura e cal é o seguinte paso do BNG con respecto a isto?
Esta mesma semana o BNG rexistrará unha iniciativa para que o Goberno responda sobre este aspecto que non ten ningún sentido. Entendemos que debeu tratarse dalgún tipo de erro na comunicación do Ministerio, porque cando se libera de peaxe un tramo o normal é levanta as casetas, as barreiras e punto. Esixir que quen queira acceder á gratuidade deba ter un dispositivo de telepeaxe carece de toda lóxica. Sería un custo innecesario para os usuarios e usuarias e un negocio inesperado para os bancos. Non parece que teña demasiado sentido, pero se nos confirman que esa é a decisión do Goberno pois loxicamente esixiremos que a muden porque non se sostén.
Outro tema que en Vigo xera preocupación son os plans do Porto de Vigo con relación aos recheos da Ría. Cal é a valoración e a defensa que facedes dende o BNG no Congreso dos Deputados?
Nós xa rexistramos unha iniciativa ao respecto, reclamando ao Ministerio de Transición Ecolóxica que actuase paralizando calquera iniciativa nese sentido. A estas alturas non é de recibo continuar cunhas políticas que, lamentablemente, foron moi habituais nos 70 e 80, pero que actualmente non se sosteñen. De feito agora cómpre recuperar e rexenerar os espazos costeiros. Non hai necesidade, hai moitas outras solución. No caso de Vigo se poden racionalizar os espazos, de feito a Plisan, Salvaterra – As Neves foi creada en parte con esa funcionalidade de ser un espazo para a comercialización e distribución a gran escala. O que hai que facer é conectar adecuadamente estes espazos e por iso van nos Orzamentos emendas para conectar por vía ferroviaria o Porto de Vigo coa cidade, e a cidade con Plisan, loxicamente tamén para conectar Vigo co Eixo Atlántico e a fronteira portuguesa, aproveitando que para Portugal é tamén a prioridade.
En referencia á cuestión ferroviaria, que postura ten o BNG sobre o debate de se a variante de Cerdedo é ou non a adecuada?
O BNG sempre estivo a favor dunha conexión directa, e esa decisión mantémola, o que acontece é que terá que ser estudada a viabilidade técnica e económica desa opción. En todo caso tamén entendemos que a prioridade en Galiza non é chegar unha hora antes a Madrid, senón moverse no seu propio ámbito. Por iso, ao lado disto facemos propostas na liña de mellorar os servizos metropolitanos, con servizos de cercanías que non existen neste momento. De feito, Ábalos e o Goberno presumen de triplicar a partida para mellorar o trazado de cercanías ferroviarias, que pasou de 500 millóns a 1.600 millóns. Que dixemos nós? Nin un só euro deses 1.600 millóns vai vir para Galiza porque aquí non hai cercanías ferroviarias. Primeiro créenas, e despois falaremos.
Que tres temas relacionados coa comarca de Vigo o BNG considera prioritarios para defender no Congreo dos Deputados?
Algúns caen de caixón. En primeiro lugar a atención á crise económica e industrial. Defendemos nos orzamentos un plan de reindustrialización na comarca de Vigo. Neste momento non se trata tanto de reindustrializar como de manter o que xa hai, e ahí temos a prioridade dos estaleiros de Barreras e Vulcano. Nós insistimos dende o acordo de investidura e finalmente o Ministerio, nunha situación practicamente de colapso de Barreras actuou por medio dunha empresa pública. Sospeitábamos que Ritz – Carlton non iba ser una solución definitiva e agora do que se trata é de dar unha solución definitiva e duradeira, polo que reclamamos a intervención pública para garantir a continuidade do estaleiro e un proceso, se se quere, de desprivatización. Se a administración pública pon recursos, que tamén entre no accionariado, no Consello de Administración e que teña capacidade de controlar o desenvolvemento dese plan industrial. No caso de Vulcano a dificultade deriva do empeño do PP de resolver a concesión, que aínda tiña sete anos por diante do dominio público. Recentemente se aprobou dende o Parlamento de Galiza instar á Xunta a que calquera concesión se vinculase a que o estaleiro mantivese a súa actividade. Un segundo punto sería o das infraestruturas, particularmente as ferroviarias, fundamentais para o desenvolvemento social e económico de Vigo. A partir de aí, moitos outros. Dende políticas sociais que defendemos, xa que é una cidade con moita poboación pero tamén con colectivos en exclusión ou en risco de exclusión social ata a defensa de sectores económicos chave, como o da pesca no futuro económico de Vigo e que atopa permanentemente dificultades, e que habitualmente levamos ao Congreso para que se lle faciliten as cousas.
Mencionou a posibilidade de “desprivatizar” Barreras, será quen o BNG de lograr o apoio do Goberno?
Hoxe hai unha conciencia de que o que non ten sentido é que un goberno deixe afundir empresas -neste caso ademais históricas e con milleiros de postos de traballo- e pola contra destine recursos públicos para salvar empresas privadas, como se fixo cos bancos. Hoxe hai unha conciencia que rexeita o uso de cartos públicos en beneficio privado. Se se queren salvar esas actividades debe haber unha intervención pública, a cal aceptamos que pode ser temporal. Pero se a administración pon recursos debe ter control total ou parcial e capacidade para intervir e determinar o que se vai facer. Como exemplo o caso de Alcoa, onde o Congreso se pronunciou a favor da súa intervención pública. Non porque o PSOE e o PP teñan entusiasmo por elo, senón porque saben dunha opinión pública que non entendería que por inacción, a Xunta e o Goberno deixasen morrer unha actividade con milleiros de postos de traballo e que condenaría á comarca de A Mariña á desertización industrial. Ademais, noutros países europeos podemos ver o exemplo de empresas públicas e a recuperación pública de sectores esenciais. Falando da enerxía, do espolio e das desorbitadas facturas da luz, nós propoñemos nacionalizar ou polo menos crear empresas públicas que poidan intervir no mercado. Parece que non se pode, pero curiosamente despois vemos como empresas que actúan aquí, como Endesa, unha filial de Enel, que é unha empresa pública italiana. É dicir, aquí non podemos ter empresas públicas pero poden vir empresas públicas estranxeiras a aproveitarse dos nosos recursos. Parece que non ten demasiado sentido. Hai que vencer dinámicas e dogmas como o de que o privado sempre funciona mellor, cando temos constatado que iso non é así e que moitas veces a intervención pública é imprescindible. A pregunta que queremos facer a PP e PSOE é “vostedes están dispostos a salvar a construción naval en Vigo custe o que custe ou non?”, porque se non queda outro remedio máis que a intervención pública, terán que decidir se perder esta actividade chave ou dar ese paso adiante.
O día 25 de Xullo, día da Patria Galega, malia ser unha data a ter en conta por todos os galegos e galegas, parece ter máis aceptación en zonas como Santiago ou A Coruña. Percíbeno así? E de ser así, por que pensan que ocorre?
Creo que en Galiza hai unha conciencia nacional que podemos chamar difusa, pero ampla, que practica a maioría da poboación aínda que esta non se traduza de forma directa, aínda, nun apoio maioritario a unha forza nacionalista. Pero si hai conciencia de sermos un pobo diferenciado, de ter unha lingua e unha cultura, mesmo unha maneira de ver o mundo e xestionarnos en comunidade. Unha evidencia de que isto é así é que forzas políticas que fan causa dun “ultraespañolismo”, que no fondo néganos como pobo e sociedade, non teñen cabida en Galiza. Outras que digamos flirtean con esa idea, teñen a necesidade especialmente en campaña electoral de acomodarse a un discurso máis galeguista. Polo tanto, creo que esa conciencia si existe. Creo que é crecente tamén esa outra conciencia máis clara de que como pobo debe tomar o seu futuro nas súas mans. Cando nós falamos de soberanía non é só porque pensemos que como nación debamos exercer soberanía, é que o necesitamos para poñer as inmensas potencialidades deste país ao servizo do noso desenvolvemento social e económico. Pola contra, estaremos permanentemente nunha situación de crise derivada de cuestións estruturais, como o espolio. O espolio enerxético, con recadacións que terminan en Madrid pola vía de impostos, o espolio do noso aforro, dos nosos recursos... está constatado que pagamos máis impostos do que recibimos despois do Estado. A iso sumamos a discriminación á hora dos investimentos estatais. Por tanto nos interesa ter a capacidade de gobernarnos por nós mesmos, de ter unha Facenda galega que recade e decida onde investir, que poidamos regular o sector eléctrico ou a banca cunha banca pública.
En Galicia existe un problema coa vivenda, sobre todo para os máis mozos. Cal é a vosa postura e a acción en Madrid ao respecto?
A vivenda é unha competencia galega, pero incluso nestas competencias o Goberno reserva moita parte de actuación. No Parlamento de Galicia e no Congreso estamos actuando para que se garanta o que é un dereito recoñecido, mesmo constitucionalmente. Nós cremos que a chave é ter unha política pública de vivenda, de prezo taxado tanto en venda como en aluguer, que é a que nunca se experimentou de verdade, a diferenza doutros países europeos. Vivenda pública a prezo razoable e en réxime de aluguer, esa é a chave. A partir de aí hai moitas outras actuacións, como impulsar a rehabilitación de vivenda porque en todas as cidades hai miles de vivendas baleiras cando hai mecanismos para incentivar que entren no mercado. En canto ao aluguer, a regulación dos prezos, defendemos iso e temos asinado xa propostas en Madrid con outras forzas políticas. O PSOE se está resistindo malia que establecer prezos máximos de vivendas en aluguer era un compromiso político e electoral. Non só se está resistindo a facelo no ámbito estatal senón que levou ao Constitucional a lei catalá de alugueiros, que ata onde sabemos estaba funcionando ben
A presenza de Yolanda Díaz e Nadia Calviño, dúas galegas como vicepresidentas do Goberno, o considerades un punto a favor, en contra ou indiferente?
A verdade é que este país nunca constatou beneficio da existencia de ministros, ministras ou incluso primeiros ministros galegos. Creo que é máis ben unha cuestión de posicionamento político e que hai unha liña divisoria: se es unha forza que ten por prioridade defender os intereses de Galiza e que non se debe a ningunha outra razón ou se es unha forza de ámbito estatal e á hora da verdade prégaste ao que mandan as túas direccións en Madrid. Xa comprobamos que tanto PSOE como Podemos como PP se pregan moi facilmente a esa dialéctica. Só hai que ver os últimos orzamentos nos que PSOE e Podemos nono só votaron a favor duns números negativos para Galiza senón que ademais votaron en contra de todas as emendas do BNG, e non era unha cuestión de recursos pois había emendas de gasto moi moderado.
Dende o BNG temedes que en dous anos o Goberno estea formado por PP – Vox?
Imos traballar para que iso non sexa así. Tamén dende a nosa capacidade de actuación en Galiza estamos traballando para que as políticas do Partido Popular teñan cada día menor aceptación na sociedade, o que tamén se debe traducir nun menor apoio electoral dentro de dous anos no Congreso. Esa tamén foi unha das razóns polas que apoiamos a investidura, a cambio dun acordo pero tamén sendo conscientes de que a outra alternativa estatal era moito peor. Dende logo traballaremos para combater tanto a estas forzas políticas como as políticas que defenden, que moitas veces é máis importante para vencer o discurso de odio da ultradereita e que ten consecuencias na sociedade. Unha das chaves é que o BNG teña máis representación e que en lugar dun deputado podamos ter un grupo parlamentar propio, con forza para frear á dereita e ultradereita e para condicionar as políticas do Goberno español en favor de Galiza.
Algunos de los elementos de la decoración navideña de Vigo no resistieron las fuertes rachas de viento provocadas de la borrasca Caetano
"Llevamos años reclamando que se inicien las actuaciones Vigo-Lisboa y lo único que Lacen desde el Gobierno es darnos largas", lamentan
Vigo suma un nuevo 'concept store' con moda, diseño, decoración y muchas marcas difíciles de encontrar. Tradición y futuro, su seña de identidad
""Queremos tender a nosa man para que a cidade de Vigo conte cunha programación cultural estable", señalan desde la Diputación de Pontevedra
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL