A marcha da concelleira do Partido Popular Begoña Toucedo vén de traducirse nunha remodelación parcial das responsabilidades dos diferentes membros do Goberno municipal dirixido por Nidia Arévalo.
Aínda que no pasado pleno do 29 de marzo Arévalo adiantou que o concelleiro que entra en substitución de Toucedo pasaría a dirixir Deportes, finalmente o cambio afectará a máis concellerías.
O principal cambio o experimenta Alberto Méndez, que perderá responsabilidades quedando con Facenda, Contratación, Transparencia e Bo Goberno. Cede Urbanismo ao novo concelleiro José Areal, que tamén se encarga da carteira de Deportes, mentres que Patrimonio, até agora tamén dirixido por Pérez, será responsabilidade de Leo Costas, que xa suma Medio Ambiente Sostible, Mocidade, Emerxencias e Novas Tecnoloxía.
Participación Cidadá, que até agora estaba xunto a Deportes baixo a dirección da cesada por decisión propia Begoña Toucedo, pasará a formar parte das responsabilidades de Sara Cebreiro, tamén concelleira Política Social, Igualdade, Cultura e Turismo.
A continuidade imponse nos casos dos outros concelleiros do equipo de Goberno local. A edil Julia Loureiro segue a levar as concellerías de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Educación, Persoal e Réxime Interno, e Mobilidade.
O tenente alcalde, Camilo Augusto, dirixe as concellerías de Desenvolvemento Urbano e Revalorización de Espazos Públicos, Vías e Obras, e Coordinación coas Asociacións Veciñais.
Baldomero Lorenzo encárgase de Servizos para a Mellora do Entorno Eural e Urbano e Parques e Xardíns, e Gonzalo Alonso Táboas continúa coas concellerías de Alumeado e Eficiencia Enerxética e Recollida de Residuos.
O novo concelleiro de Deportes e Urbanismo foi presidente da Unión Deportiva Mos, e foi tamén xogador da UD Mos e do Club Louro Tameiga, polo que “ten un amplo coñecemento do tecido asociativo deportivo mosense”, declarou Arévalo sobre o concelleiro José Areal. Sobre os cambios realizados no goberno local a alcaldesa salientou que “son realizados pensando sempre en mellorar, en prestar mellores servizos á veciñanza”.
A remodelación prodúcese despois da marcha de Begoña Toucedo, até agora concelleira de Deportes e Participación Cidadá. Segundo explicou o Concello, a deixou en marzo a Corporación Municipal “para irse a estudar” a Madrid.
A xa exconcelleira protagonizou este Nadal un episodio que levou á oposición a pedir a súa dimisión. Toucedo subiu ás súas redes sociais unha imaxe esquiando en Serra Nevada cando estaba vixente o peche perimetral na comunidade autónoma. Ante a petición de dimisión, defendeu entón que viaxara “xunto á miña parella á comunidade autónoma de Andalucía para visitar ao seu núcleo familiar natural e residente na zona” defendendo que esa viaxe si estaba permitida.