O goberno de Nigrán levará ao vindeiro pleno do 1 de febreiro unha moción para a aprobación do terceiro plan de bolsas municipal, aumentando nesta edición a sete o número de beneficiarios (sempre estivo dirixida a 6). Tódalas bolsas están destinadas á formación de auxiliares administrativos nos diferentes departamentos do Concello, sendo unha das principais novidades desta convocatoria a ampliación do número de titulacións aceptadas, así, establécese que a mínima requirida sexa Ciclo Medio de Xestión Administrativa aceptándose o ciclo superior da rama de FP de 'Administración e Xestión' e incorporándose por vez primeira como válidas titulacións universitarias da rama xurídico, laboral ou económico-empresarial. "Esta ampliación do abano de titulacións responde á que nos anos anteriores, cinguíndonos só ao ciclo medios de Xestión Administrativa e Superior de Administración e Finanzas, non obtivemos candidatos suficientes para cubrir as prazas e, en cambio, quedaron fora interesados con titulacións universitarias igualmente válidas para desenvolver as tarefas habituais do Concello", explica o alcalde, Juan González.
Estas bases, de ser aprobadas no Pleno, serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia, momento en que se abre o prazo de solicitudes. Como nas anteriores edicións, poderían optar ás bolsas titulados do municipio que se atopen en situación de desemprego e non exerceran nunca no seu eido de estudos, sendo a duración de 6 meses prorrogables a outros 6 e as condicións económicas de 800 € brutos ao mes en xornada completa. Os titores serán os funcionarios responsables de cada ámbito.
"Tendo en conta a dificultade para acadar un emprego hoxe en día, dende o Concello temos o deber de facilitar a adaptación dos desempregados de Nigrán ao mercado laboral ampliando a súa experiencia e formación", resume o alcalde, Juan González. Así, o obxectivo final é que os beneficiarios acaden unha importante vantaxe competitiva á hora de optar ás distintas ofertas laborais existentes tanto na administración pública como na empresa privada.
Partindo destas premisas iniciais, o Concello de Nigrán, consciente da situación laboral que está a vivir boa parte da sociedade, ten posta en práctica distintos mecanismos para contribuír a mellorar a inserción dos seus veciños, sendo a convocatoria destas bolsas un paso máis neste mesmo senso.