O Concello de Nigrán adica o seu Mes de Recuperación da Memoria Histórica a José Vázquez Grela, mestre republicano de Nigrán asasinado o 12 de setembro de 1936. Así, esta mañá quedou instalado no parque inagurado no 2018 e que leva o seu nome (ao carón da Avenida Val Miñor, onde estaba a súa escola) un panel coa súa biografía, fotos e documentos da ‘Comisión Depuradora del Personal de Magisterio de Pontevedra’. Ao lugar acudíu o alcalde acompañado do neto de Grela, José Vázquez, e da edil de Cultura, Nuria Lorenzo. Posteriormente, desprazáronse a Panxón para depositar un ramo de flores no monumento adicada á 'volta dos nove' ao carón do Pavillón Municipal, no coñecido como o 'Xardín da Memoria'; onde estivo Pilar Vieitez, nora do asasinado Modesto Fernández 'Rei Chiquito'.
O Concello de Nigrán celebra cada ano desde 2015 o Mes da Memoria Histórica facéndoo coincidir precisamente coa coñecida como ‘Volta dos Nove’, un dos sucesos máis terribles da comarca porque supuxo a execución a sangue fría de nove veciños do Val Miñor o 15 de outubro de 1936. Nesta ocasión, debido ás actuais circunstancias sanitarias, non se celebrou ningún acto público.
“José Vázquez Grela é tamén protagonista dun dos episodios máis tristes da Guerra Civil en Nigrán e exercía a súa labor na escola situada nas inmediacións deste espazo público que rehabilitamos no 2018 e ao que bautizamos no seu nome. Consideramos unha obriga moral manter viva a nosa memoria, por iso era preciso instalar este panel, para que todos os veciños poidan coñecer quen era Grela e que inxusto final tivo; para que non se repita o peor da nosa Historia debemos coñecer estes episodios tan vergoñentos”, considera o alcalde, Juan González, quen como historiador recolleu este caso no seu libro ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939’. “Os seus alumnos xamais puideron esquecer como a mañá do 12 de setembro de 1936 uns homes interromperon a clase para levarse a Grela e como minutos despois soaron cinco disparos”, escolma no seu traballo.
Natural de Ames (Padrón) coñeceu a súa muller Josefa Iglesias en Bos Aires, onde emigrou con 12 anos para gañarse a vida como panadeiro. O matrimonio tivo seis fillos e pasou uns anos en Cuba antes de retornar a Galicia. Foi xa na terra onde con 33 anos (1930) sacou as oposicións de Mestre Nacional e, tras diversos destinos, en 1932 tomou posesión en Nigrán. Dende a súa chegada ao municipio gañouse a admiración e respeto dos veciños grazas a súa bondade e disposición a axudar sempre.
Grela asumiu dende o inicio a presidencia do Consello Local de Primeiro Ensino, onde loitou por adecuar o ensino aos postulados máis renovadores e liberais, intentando levar a educación aos lugares máis afastados co fin de conseguir a alfabetización de toda a poboación e conquerir unha sociedade máis xusta e igualitaria. A súa labor non se limitaba aos cativos, tamén contribuía formando aos demais mestres da comarca e coa súa biblioteca participaba en tódolos eidos culturais de Nigrán. “En definitiva, era o prototipo de mestre da República, comprometido cos principios desa nova ensinanza e políticamente moi activo, ao punto de que foi un dos organizadores do mitin de xuño de 1936 nas Angustias a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia ao que asistiría Castelao como orador”, resume González.