Unha técnica nova para operar un corazón sen abrir o peito. Os servizos de Cardioloxía, Cirurxía Cardíaca e Anestesioloxía da Área Sanitaria de Vigo veñen de reportar, por primeira vez en Europa, un dobre reemprazo valvular no corazón de xeito percutáneo.
Segundo explican dende o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a paciente tratada con este procedemento minimamente invasivo, unha muller de 71 anos con insuficiencia cardíaca, xa está dada de alta e presenta unha evolución favorable.
Este caso, que foi presentado pola cardióloga Berenice Caneiro no Congreso internacional de Cardioloxía Intervencionista celebrado en Barcelona, resultou elixido gañador como “Mejor caso en intervencionismo estructural” de entre os 60 casos expostos.
Sen abrir o peito
A intervención consistiu en cambiar as dúas válvulas da paciente, mitral e tricúspide, que non estaban realizando a súa función correctamente, de xeito totalmente percutáneo. Segundo afirma a doutora Berenice Caneiro “o feito diferencial deste caso radica en que é a primeira vez en Europa en que se realiza nunha mesma paciente o recambio de dúas válvulas transcateter, aínda que en tempos diferentes. Ata agora, para substituír estas válvulas requiríase dunha cirurxía convencional, a corazón aberto, o que supón abrir o esternon e, moitas veces, parar o corazón do paciente como na cirurxía extracorpórea”.
Nesta paciente, a substitución da mitral realizouse por “medio de acceso transapical, introducindo o catéter a través da punta do ventrículo esquerdo, cun pequeno orificio entre as costas e o cambio da tricúspide efectuouse a través da vea xugular”, explican dende o Hospital Álvaro Cunqueiro.
Estas novas técnicas cirúrxicas minimamente invasivas “evitan abrir o peito e parar o corazón, polo que resultan menos agresivas”. Sen embargo, aínda están en fase de desenvolvemento e non resultan unha opción para todos los pacientes, polo que “é necesario que estudar caso por caso para determinar cal resulta a mellor opción para cada paciente”.
“Estamos moi satisfeitos con este caso e con este premio, que foi posible grazas ao traballo en equipo e á colaboración multidisciplinar entre os servizos de Cardioloxía, Cirurxía cardíaca e Anestesioloxía do noso centro”, afirma a doutora Caneiro.
Publicación en revistas internacionais
Este caso “ten xerado moitas expectativas no ámbito da cardioloxía intervencionista e nestes momentos os especialistas xa están preparando varios artigos que vanse publicar nos próximos meses en revistas científicas internacionais da especialidade”, avanzan dende o hospital.
O servizo de Cardioloxía do Alvaro Cunqueiro conta con tres equipos de Hemodinámica dedicados ao intervencionismo coronario e estrutural, que abarca unha serie de procedementos para as cardiopatías conxénitas e adquiridas, nas que se inclúen as enfermidades valvulares, obstrucións arteriais e venosas, ecétera. Este servizo realiza uns 2.000 procedementos diagnósticos e terapéuticos anuais.
Neste senso, o Álvaro Cunqueiro “conta con gran experiencia nos implantes cardíacos transcatéter, o que supoñen un gran avance para os pacientes, que se poden beneficiar dun tratamento eficaz e seguro, sen as complicacións inherentes á cirurxía convencional”.