O BNG de Vigo atribúe ao “españolismo máis casposo” a decisión do Concello de adiar o Día de Galicia

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego vén de reaccionar ao acordo, que se vén de trasladar a través dun comunicado de prensa, pola que Goberno municipal de Vigo decide non celebrar o tradicional acto institucional do Concello co gallo do Día Nacional de Galicia (como se denomina oficialmente) como se veu facendo ininterrompidamente, agás pola pandemia, nas últimas dúas décadas.

O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou a decisión de adiar o acto para o vindeiro mes de setembro de “novo desprezo” cara ao día grande das galegas e dos galegos. Un desprezo que imputou ao “españolismo máis casposo”.

“Alegar a celebración de eleccións xerais o 23 de xullo para postergar, sen data concreta, o acto é unha tomadura de pelo. Acaso se os comicios se celebrasen, como se prevía inicialmente, o 3 de decembro o alcalde ía pospoñer o acto institucional polo Día da Constitución a febreiro?”, afirmou. “É claro que é unha escusa cutre e ofensiva, porque ningunha outra institución decidiu postergar esta celebración”, acrecentou o edil nacionalista.

Igrexas lamenta a “degradación sectaria” á que Abel Caballero somete a actividade institucional do Concello, lembrando que o pasado ano xa foi “obscena e insultante” a utilización do acto polo 25 de xullo como un mitin partidista protagonizado pola ministra Nadia Calviño. Neste sentido, afeou tamén que a decisión do adiamento se adoptase “máis unha vez desde a unilateralidade autoritaria”, xa que “nin tan sequera se consultou á Xunta de Portavoces e os grupos municipais enterámonos por un comunicado de prensa”.

Desde a fronte nacionalista anuncian que solicitarán formalmente ao Goberno municipal que rectifique esa decisión e garanta a celebración coa dignidade que merece o acto polo “día no que celebramos con orgullo a nosa identidade como pobo e nación, o noso orgullo de sermos galegas e galegos”.

Salir de la versión móvil