O BNG de Vigo celebra os compromisos logrados en favor da cidade no acordo de investidura

Publicidad

O BNG de Vigo quixo valorar tamén en clave local o acordo de investidura asinado entre a formación nacionalista e o PSOE. “O BNG xa logrou en apenas unhas semanas que Vigo e que Galiza estean presentes na axenda política estatal”, resumiu o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.

Igrexas salientou que “un só deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xa logrou máis compromisos con Galiza que as forzas estatais nos últimos anos”. Neste sentido, asegurou que o acordo logra “situar Galiza no mapa” e garantirá para o noso País o mesmo estatus que Catalunya e Euskadi desenvolvendo o seu autogoberno. Unha realidade que contrapuxo á “década nefasta” da Xunta de Feixóo na que non se logrou ningunha nova competencia. Aliás, o edil puxo en valor que o acordo atinxido incorpora tamén unha importante axenda social garantindo a derrogación da reforma labora, da negociación colectiva, das pensións, da LOMCE ou da lei Mordaza.

Un bo acordo para Vigo

Valorando os aspectos directamente referidos á Vigo, desde o BNG afirman que “é un acordo moi positivo para Vigo, porque nel se atenden cuestións moi importantes para a cidade”. No concreto, Igrexas destacou a transferencia da AP-9 para convertela nunha autoestrada galega, a rebaixa nas peaxes a fin de novas subas como a aplicada a inicios deste ano, así como a bonificación do 100% a quen viaxe con ida e volta no mesmo día ou a supresión da peaxe con Redondela. Medidas que supoñen “o inicio da fin da estafa e do atraco diario que padecemos cada vez que circulamos pola AP9”.

No ámbito infraestrutural recóllense tamén importantes compromisos, como a modernización ferroviaria na conexión entre Vigo e Portugal, que para Igrexas é “estratéxica para o desenvolvemento da cidade, da súa área metropolitana e da euro-rexión Galiza-Norte de Portugal”. Neste mesmo capítulo, o portavoz municipal nacionalista subliñou que a posición determinante do Bloque en Madrid logrou que o novo Goberno español se comprometa a serio a facer do Corredor Atlántico unha realidade, elaborando os proxectos que permitan acudir canto antes ao financiamento europeo.

Diante da situación de “desertización produtiva” e de “grave crise industrial” que padece Vigo e a súa bisbarra, cun desemprego que atinxe a máis de 24 mil viguesas e vigueses, Igrexas saudou que no acordo de investidura se recolla expresamente que o Estado vaia poñer todos os medios e instrumentos económicos e financeiros para apoiar o tecido produtivo. Especialmente positivo é que o novo Goberno central se comprometa a recuperar e dar continuidade á actividade e o emprego no sector naval e, concretamente, nos estaleiros Barreras e Vulcano.

Un maior investimento estatal para completar o saneamento integral da ría ou a vontade de avanzar cara a unha tarifa eléctrica rebaixada, son outros dos aspectos do acordo que beneficiarán de maneira directa a nosa cidade.

Posición determinante

Desde a fronte nacionalista lembran que todos estes compromisos foron conquistados unicamente a cambio do voto afirmativo na sesión de investidura, polo que o voto do BNG no Congreso seguirá a ser decisivo e determinante na tramitación dos proxectos de orzamentos ou de reformas lexislativas, o que garantirá que os intereses de Vigo e de Galiza sexan respeitados e atendidos.

Neste sentido, Igrexas quixo poñer en valor o acordo de investidura como un exemplo da “enorme potencialidade que ten apostarmos en forzas propias que non teñen dependencias e que só están sometidas aos intereses do pobo galego”. “Dixemos que a presenza do BNG no Congreso ía servir para facer valer Galiza, e xa o estamos facendo”, concluíu.

Salir de la versión móvil