O BNG de Vigo "demanda" que as becas de comedor se resolvan antes do inicio de curso

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de “demandar” ao Goberno municipal que “garanta” de que as becas de comedor, libros de texto e material escolar, que iniciarán a súa tramitación o vindeiro luns, “se resolvan antes do inicio de curso e non nun máximo de seis meses como prevén as bases”.

O concelleiro e futuro portavoz do grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, destacou que se trata “dunhas axudas que son absolutamente vitais para máis de 3 mil familias da nosa cidade”, polo que instou ao Goberno local a que poña “todos os medios necesarios para evitar o calvario da convocatoria do ano pasado”.

Segundo indica Igrexas, en 2022 “as axudas resolvéronse a finais de novembro e  comezaron a pagarse case a mediados de decembro, provocando un grave prexuízo as familias que non sabían se eran ou non beneficiarias e tamén ás ANPAs que tiveron que adiantar durante varios meses o importe das becas con recursos propios”.

“Demandamos ao Goberno municipal a que garanta que no inicio do curso escolar as axudas van estar debidamente resoltas e que se axilice tamén o abono anticipado das becas. Non ten xustificación que o Concello da maior cidade galega teña en vilo a miles de familias pola súa incapacidade na xestión dunhas axudas que convoca todos os anos“ afirmou Igrexas.

"Evidentes sospeitas de irregularidades"

En relación á posíbel cancelación do concerto de Guns N’ Roses na cidade, após ficar deserto o contrato para o patrocinio publicitario do Concello de Vigo, Igrexas amosou a súa “incomprensión de que algo así poida suceder”.

Non coñezo precedentes en ningunha cidade galega nin do Estado onde un concerto deste nivel estea no aire a dez días e con máis de 22 mil entradas vendidas por un problema na xestión dun patrocinio”, asegurou o edil nacionalista.

“É claro que os atallos pola porta de atrás poden conducir a rúas sen saída”, advertiu, criticando un proceso de licitación "envolto en evidentes sospeitas de irregularidades” e cunhas bases que “parecían ser elaboradas ad hoc para este concerto”.

Desde o BNG “reclaman ao Goberno municipal que dea explicacións”. “Quen se quixo apuntar o éxito de traer aos Guns N’ Roses a Vigo ten que dar agora a cara”, esixiu Igrexas interpelando directamente a Abel Caballero.

Salir de la versión móvil