O BNG de Vigo fai un chamamento para que se celebren debates electorais cara o 28M

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo chama o resto de forzas políticas a participar en debates públicos cara ás eleccións municipais do 28 de maio. O candidato nacionalista á Alcaldía, Xabier P. Igrexas, vén de enviar unha carta aos cabezas de lista de PSOE, PP e Podemos-Marea de Vigo para que se comprometan a cumprir con esta “esixencia democrática” e para trasladar a súa “total disposición” a participar en todas os debates que organicen os medios de comunicación e os colectivos sociais e veciñais.

Os debates son unha necesidade democrática, unha obriga para as distintas formacións que concorremos aos comicios municipais”, defendeu Igrexas, que asegurou que, sobre todo, son un “dereito da cidadanía a poder coñecer as alternativas e as propostas, o proxecto de cidade para Vigo que ten cada unha das forzas políticas con representación actualmente no Pleno”.

Así, o candidato do BNG chamou os seus homólogos Abel Caballero (PSOE), Marta Fernández-Tapias (PP) e Rubén Pérez (Podemos-Marea de Vigo) a estar “á altura da esixencia democrática” das viguesas e dos vigueses. “Quero confiar en que as restantes candidaturas estarán tamén dispostas como o Bloque a contrastar, a dialogar e a poñer en común as propostas que temos para Vigo”, salientou.

Igrexas reclamou que o fagan os cabezas de lista “en primeira persoa sen que ninguén se agoche detrás da propaganda”, mais advertiu da necesidade de garantir que os debates teñan “formatos equitativos e respectuosos coa pluralidade” que existe na cidade. “O BNG sempre estamos e estaremos dispostos a debater”, remachou.

Salir de la versión móvil