O BNG de Vigo levará a Pleno as alegacións das asociacións veciñais aos orzamentos de 2024

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego levará ao Pleno do Concello de Vigo do vindeiro mércores, a través dun voto particular as alegacións que o movemento veciñal da cidade formulou ao proxecto de orzamentos municipais do vindeiro ano 2024.

Así o vén de anunciar o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que volveu criticar que o proxecto orzamentario son “unhas contas elaboradas sen contar con ninguén, sen ningún tipo de escoita, de diálogo e participación". Ademais, Igrexas incide en que  "foron aprobadas inicialmente rexeitando todas e cada unha das 138 emendas que propuxemos o BNG e que agora pretenden aprobar definitivamente dicindo non ás demandas do tecido asociativo, inadmitindo as alegacións da AV de Teis, da AV de Lavadores e da FAVEC".

Segundo explica o BNG de Vigo a través dun comunicado remitido aos medios de comunicación, estas alegacións, dentro do proceso de información pública obrigatorio, foron o único medio co que as entidades pudieron trasladar as súas demandas e achegas.  As propostas veciñais recollen cuestións como aumentar os recursos para o mantemento das rúas e espazos públicos da cidade, para dotar de máis medios as políticas sociais do Concello, para garantir a continuidade dun servizo esencial como a ludoteca de Lavadores, ou atender o reclamo da veciñanza de Teis para axilizar o amaño da piscina de Coutadas, habilitar a piscina da ETEA, garantir que se vai abrir unha biblioteca no barrio ou mellorar o parque da Riouxa.

“O BNG cremos que estas propostas merecen ser debatidas e votadas por parte do Pleno, e por iso as incluímos nun voto particular que vai obrigar ao Goberno municipal a pronunciarse máis alá do trato burocrático que lle quixo dar ás demandas veciñais”, defende Igrexas, que volveu insistir na idea de que “a cidade merece uns orzamentos que dean resposta ás necesidades reais das viguesas e dos vigueses, que poña fin ao abandono dos barrios e parroquias, e non apenas unhas contas elaboradas ao antollo e capricho de Abel Caballero”.

Salir de la versión móvil