O BNG de Vigo propón unha comisión cidadá para abordar a futura concesión de autobús

Publicidad

O BNG denunciou esta mañá a “total opacidade” coa que se está a desenvolver o proceso de elaboración do novo prego de condicións para a concesión do servizo de autobús urbano de Vigo. “Despois de que o actual Goberno municipal anunciase que non ía prorrogar a concesión, nada se sabe do novo prego”, alertou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.

A fronte nacionalista demanda participación e transparencia fronte ao que denominan unha “consulta farsa” que o Concello puxo en marcha no mes de agosto para a redacción do regulamento do servizo. Igrexas iniciará nos próximos días unha rolda de contactos coas asociacións veciñais, o Comité de Empresa de Vitrasa e o movemento ecoloxista da cidade co obxectivo de poñeren en común a aposta do BNG por “revolucionar a mobilidade en Vigo”.

O voceiro nacionalista propón que se constitúa unha Comisión Cidadá, integrada polo movemento veciñal, colectivos ecoloxistas, sindicatos e especialistas, para definir de maneira conxunta a “necesaria e urxente” remodelación do servizo do bus urbano. “Non podemos continuar co actual modelo de transporte que non está á altura dunha cidade de 300 mil habitantes”, resumiu o edil.

En troca, aposta por aproveitar a nova concesión para remodelar “a fondo” o actual mapa de liñas co obxectivo de conectar mellor os barrios e as parroquias e vertebrar a cidade, así como para mellorar substancialmente as frecuencias.

Para o BNG a cuestión do transporte é “estratéxica”. A aposta do Bloque é a de “revolucionar a mobilidade” potenciando de maneira decidida o uso do transporte público, o que, explica Igrexas, “creará as condicións para volver avanzar no proceso de democratización do espazo público que se iniciara coas peonalizacións da praza da Independencia ou do Calvario.
.

Salir de la versión móvil