O Bloque Nacionalista Galego demandará ao Goberno municipal de Vigo información en detalle sobre a incidencia producida no día de onte na estación depuradora do Lagares e que produciu, segundo denunciou a propia veciñanza, a emisión de cheiros "insoportábeis e irrespirábeis". A fronte nacionalista volve instar o Concello a acometer unha "auditoría técnica" en todas as EDAR da cidade para revisar o seu funcionamento e garantir que se adecúa aos estándares ambientais.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, vén de facerse eco da denuncia trasladada pola Asociación Veciñal de Coruxo, pola emisión de cheiros "insoportábeis e irrespirábeis" desde a EDAR do Lagares, este pasado luns. Igrexas, que mantivo unha conversa esta mañá con representantes da entidade veciñal, criticou a actitude tanto da dirección da EDAR, que se negou a atender á veciñanza, e tamén a inacción do Goberno municipal "que non deu a cara nin ningunha explicación até o momento". Neste sentido, afeou que desde a EDAR se ignorasen as queixas veciñais até a chegada dunha dotación de Policía Local e que se insistise en negar a existencia dos cheiros.
Diante desta situación, a fronte nacionalista vai demandar do Goberno municipal información detallada sobre o sucedido, solicitando que se lle entregue copia do atestado policial así como do rexistro de emisións co que a propia EDAR monitoriza o seu funcionamento.
O portavoz municipal nacionalista volveu reiterar a necesidade de realizar unha "auditoría técnica" que valore o funcionamento de todas as EDAR da cidade para resolver estas e outras incidencias, e garantir o estrito cumprimento dos estándares ambientais. "Levamos meses denunciando as incidencias nas EDAR, en forma de alivios de auga sen depurar con demasiada frecuencia, no caso de Teis, e agora con este novo capítulo de cheiros en Coruxo. É momento, como demandamos desde hai xa moito tempo, de facer unha auditoría para detectar que está fallando pero sobre todo para adoptar decisións que resolvan o problema", defende Igrexas. "Non é aceptábel que a veciñanza de Coruxo volva pagar as consecuencias do mal funcionamento da depuradora", remacha