O Bloque Nacionalista Galego chama as viguesas e vigueses a consumir produto galego e local. A fronte nacionalista vén de presentar este xoves no mercado das Travesas a súa campaña ‘Mellor local. Mellor galego’ en favor do pequeno e mediano comercio de proximidade con medidas para "reverter a falla de apoios durante os últimos anos por parte do Concello de Vigo e da Xunta de Galiza".
A deputada e portavoz de Comercio do BNG no Parlamento galego, Carmela González, acompañada do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou en rolda de prensa o "nulo compromiso do Goberno galego do PP co comercio local". Nese sentido, lamentou que "se teña reducido o orzamento nesta área en máis de 238 millóns nos últimos 14 anos, tempo no que pecharon até 8.000 negocios de proximidade en Galiza, unha cuarta parte do sector", aseguran.
González trasladou algunhas das propostas do Bloque en favor do comercio local, como frear a expansión “sen límites” de grandes superficies comerciais de capital transnacional que “afogan e compiten de maneira inxusta” co pequeno comercio aproveitando a desregulación dos horarios de apertura e dos períodos de rebaixas.
A parlamentaria nacionalista lamentou ademais que a Xunta de Rueda non teña posto en marcha ningunha campaña específica nestas datas onde incremente o consumo dos fogares. A este respecto, cuestionou que a única liña de axudas, a través do Bono Comercio, se teña recortado á metade neste ano e chamou a limitar o uso destas axudas ao comercio local.
“Cun Goberno galego do BNG presidido por Ana Pontón o comercio local terá por fin o pulo que non tivo durante 14 anos co PP, nos que pecharon 8 mil negocios”, salientou González, quen puxo en valor o compromiso nacionalista no apoio dos produtos e do sector.
“Menos welcome Primark e máis comercio local”
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo destacou o papel “fundamental” do comercio de proximidade á hora de “vertebrar a cidade, dinamizar os nosos barrios e parroquias e crear emprego estábel”. Fronte a esta aposta, Igrexas lamentou a "falla de apoio do Goberno de Abel Caballero" malia os graves efectos das crises da pandemia e da actual derivada da inflación sobre o pequeno e mediano comercio vigués.
Así, denunciou que o Concello de Vigo "é o único das sete grandes cidades galegas que non despregou nos últimos anos ningunha liña de axudas directas" para o sector. Criticou ademais que nas últimas semanas o Goberno municipal teña rexeitado dúas iniciativas do BNG para despregar un Plan de Impulso do Comercio Local, dotado con 300 mil euros, e outra medida en favor dos mercados municipais, con medio millón de orzamento.
“O BNG queremos animar as viguesas e vigueses a comprar nos comercios locais, e o dicimos cunha frase que resume moi ben a nosa aposta: menos welcome Primark que dicía Abel Caballero e máis mercar no pequeno e mediano comercio da cidade e nos mercados municipais como este das Travesas”, remachou.