O BNG denuncia a "irresponsabilidade temeraria" de Caballero pola falta de bombeiros en Vigo

Parque de Bomberos en Coruxo // GOOGLE STREET VIEW

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego reaccionou ao novo feche do parque de bombeiros de Coruxo durante a fin de semana denunciando a "irresponsabilidade temeraria do Goberno municipal de Abel Caballero".

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que "se volvese poñer en risco a seguridade na cidade pola permanente falla de persoal no servizo bombeiros como resultado da nefasta xestión do goberno".

Igrexas fíxose eco da denuncia do propio persoal de bombeiros e das organizacións sindicais que alertaron de que "o feche do parque de Coruxo provocaba demoras de 15 minutos no tempo de resposta no caso de se producir algunha situación de emerxencia na contorna de Samil", na que esta fin de semana se celebraba o festival do Marisquiño cunha afluencia masiva. "Deixar a cidade cun só parque de bombeiros compromete gravemente a capacidade de resposta", advertiu.

Desde a fronte nacionalista reclaman ao goberno local que "deixe de ollar para outro lado e despregue as medidas necesrias para garantir o persoal necesario para manter abertos e operativos os dous parques de bombeiros da cidade". Neste sentido, Igrexas anunciou que van solicitar a comparecencia na Comisión informativa de Seguridade, da concelleira-delegada da área, Patricia Rodríguez Calviño, para esixirlle "explicacións pero sobre todo que actúe para resolver esta situación".

"Non podemos seguir soportando cada vez mais días nos que en lugar do mínimo de 20 bombeiros temos dispoñíbeis apenas 5 efectivos, como sucedeu esta fin de semana. Xa son demasiados anos soportando como a irresponsabilde do desgoberno de Caballero pon en risco a seguridade das viguesas e dos vigueses", esixiu o portavoz municipal nacionalista urxindo solucións para dotar Vigo dun servizo de bombeiros "á altura dunha cidade de 300 mil habitantes e con 110 quilómetros cadrados de extensión", finalizou.

Salir de la versión móvil