O Bloque Nacionalista Galego denuncia “graves deficiencias” en 14 comedores escolares de Vigo dependentes da Xunta de Galicia. A fronte nacionalista vén de anunciar a presentación de iniciativas no Parlamento galego para recoller “as centos de queixas das familias e das Anpas pola baixa calidade alimentaria, con comidas frías, racións insuficientes e produtos en mal estado” nestes comedores de xestión indirecta, que serven a 1.800 nenas e nenos da cidade.
“A Xunta de Galiza non está realizando ningún control sobre a comida destes comedores escolares”, cuestionou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, após manter xunto ao concelleiro e candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, un encontro con representantes da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo (Foanpas).
A deputada nacionalista lamentou que o Goberno galego estea "ignorando as centos de queixas" presentadas por nais e pais pola mala calidade da comida. “Non recibiron resposta a ningunha delas”, criticou González, que pediu que se atendan as demandas das Anpas de Vigo, que reclaman a xestión directa do servizo desde as cociñas dos CEIP Doutor Fleming e Ramón y Cajal para garantir unha “comida de calidade, proximidade e sostíbel”.
No mesmo sentido, o candidato do BNG en Vigo asegurou que “non podemos aturar que en comedores que son da Xunta, financiados con diñeiro público, non se garantan as mínimas condicións alimentarias”. Así, chamou a unha revisión e modificación dos pregos de adxudicación deste servizo para “corrixir as deficiencias e aumentar a calidade da comida” nestes 14 centros.
Igrexas preguntou “onde está” a delegada territorial da Xunta de Galiza en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a quen afeou que durante os últimos anos “paseara por todos os colexios públicos da cidade para sacarse un sen número de selfies” pero "non se poña á cabeza para atender estas denuncias das familias e esixir ao Goberno galego unha solución urxente".